concellos INICIATIVAS

Os e as socialistas de Viana impulsan unha moción para a construción do agardado centro de día

O PSDEG-PSOE DE VIANA DO BOLO IMPULSA UNHA MOCIÓN PARA A CONSTRUCIÓN DUN CENTRO DE DÍA NO MUNICIPIO TRAS ANOS DE “INACCIÓN” POR PARTE DO GOBERNO MUNICIPAL

Os e as socialistas lembran que en xaneiro de 2021 “xa levamos unha moción neste senso ao pleno, que foi aprobada, pero ata o día de hoxe nada se fixo para impulsar unha infraestrutura de vital importancia”

Asemade tamén lembran que foi gracias a iniciativa socialista, que se produciu a cesión dos terreos propiedade do bispado de Astorga para a construción do centro de día, polo que lamentan que o concello “non movese ficha, aínda tendo xa un terreo para a súa posta en marcha”

O voceiro do PSdeG-PSOE, Germán García-Ávila, fai fincapé en que co centro de día “poderemos proporcionar ós maiores un apoio técnico e especializado para que poidan desenvolver con maior autonomía as actividades cotiás, e a súa vez, facilitar a conciliación dos familiares”

Viana do Bolo, 20 de setembro de 2023. O PSdeG-PSOE de Viana do Bolo reclamará no pleno de mañá xoves a construción dun centro de día no municipio ante a “imperiosa” necesidade de ofrecer este servizo aos maiores e as familias do municipio. Os e as socialistas critican a “inacción” do goberno municipal nun tema tan sensible como é a atención aos maiores e a conciliación familiar, xa que tal e como apuntan “levamos dende xaneiro de 2021 agardando pola construción, logo de que fose aprobada a nosa moción para impulsar esta infraestrutura”.

Dende o grupo municipal socialista reiteran que a construción dun centro de día “é unha das nosas prioridades”, xa que tal e como argumentan a atención das persoas que se atopan en situación de “especial vulnerabilidade” é unha das tarefas aos que o consistorio “debe facer fronte”. Os e as socialistas explican que a necesidade do centro de día vén motivada tamén “pola necesidade dunha atención especializada e individualizada e para dar resposta a demanda de familias que urxen o apoio das institucións públicas”. Asemade tamén lembran que foi gracias a iniciativa socialista, que se produciu a cesión dos terreos propiedade do bispado de Astorga para a construción do centro de día, polo que lamentan que o concello “non movese ficha, aínda tendo xa un terreo para a súa posta en marcha”.

O voceiro do PSdeG-PSOE en Viana do Bolo, Germán García-Ávila Arias, sinala que entre os obxectivos que perseguen con esta moción están “manter e recuperar a autonomía da persoa maior, favorecer a súa permanencia no medio familiar e comunitario, ofrecer atención diúrna e integral personalizada, ou posibilitar que os e as maiores continúen vivindo no seu domicilio”. Neste senso, o edil socialista tamén fai fincapé en que co centro de día “poderemos proporcionar ás persoas maiores un apoio técnico e especializado para que poidan desenvolver con maior autonomía as actividades da vida cotiá, e a súa vez, facilitar a conciliación dos familiares”.

Dende o PSOE vianés tamén explican que o municipio, segundo datos do INE, “contaba en 2019 con 2886 habitantes, dos cales 1377 eran maiores de 60 anos, é dicir, un 47,71% da poboación”. Os e as socialistas sinalan que “Viana perde poboación a pasos axigantados e a que queda envellece paulatinamente, polo que consideramos vital dotar dun centro de día ao municipio”.

“A evolución e o envellecemento da poboación débenos levar a unha seria reflexión acerca dos servizos que o noso concello debe prestarlle á veciñanza, e de maneira moi especial a aqueles que se atopan en situación de vulnerabilidade”, afirma Germán García-Ávila. O edil socialista finaliza subliñando que “a integración dos maiores na súa contorna comunitaria e social supón non só favorecer e impulsar a creación destes centros, senón tamén que neles poidan lograr o desenvolvemento das súas habilidades potenciais e maior nivel de autonomía”.