Deputación de Ourense INICIATIVAS

Pedimos o apoio institucional da Deputación para os traballadores de Irosa-Samaca

O GRUPO PROVINCIAL SOCIALISTA PIDE O APOIO INSTITUCIONAL DA DEPUTACIÓN DE OURENSE PARA OS TRABALLADORES DE IROSA-SAMACA

No marco da reunión da Comisión de Administración, Transparencia e Emerxencia da Deputación de Ourense, Aurentino Alonso Araujo, deputado socialista por Valdeorras, instou esta tarde á adopción dunha declaración institucional de apoio aos case que 300 traballadores da pizarreira tralo peche xudicial da empresa

Para Alonso, “as empregadas e empregados de Irosa-Samaca non son os responsables da situación xerada e, independentemente do proceso xudicial en marcha, habería que explorar mecanismos para que a actividade laboral non se paralice porque o que está en risco é o modo de subsistencia de ducias de familias da comarca”

Ourense, 20 de setembro de 2023. No marco da reunión da Comisión de Administración, Transparencia e Emerxencia da Deputación de Ourense, Aurentino Alonso Araujo, deputado do PSdeG-PSOE pola comarca de Valdeorras, instou á adopción dunha declaración institucional de apoio aos case que 300 traballadores da pizarreira tralo peche xudicial da empresa. “Debemos manifestar a nosa solidariedade coas traballadoras e traballadores da empresa Irosa-Samaca perante a situación de peche e paralización da actividade precipitada por unha resolución xudicial”, destacou Alonso.

“Por suposto que respectamos as decisións xudiciais, porén consideramos que unha cousa é o litixio relativo á propiedade privada dos terreos e outra que se prive aos traballadores dun dereito fundamental, recollido na propia Constitución Española, como é o dereito ao traballo”. Segundo Alonso, “as empregadas e empregados de Irosa-Samaca non son os responsables da situación xerada e, independentemente do proceso xudicial en marcha, habería que explorar mecanismos para que a actividade laboral non se paralice porque o que está en risco é o modo de subsistencia de ducias de familias da comarca”.

Cada día de peche de Irosa-Samaca supón o incumprimento das obrigas empresariais, como pagos a proveedores e entrega de pedidos aos clientes, das obrigas tributarias e, sobre todo, das obrigas para cos asalariados, bloqueándose o pagamento das nóminas do persoal. “Esta situación pon en grave perigo a continuidade dos case que 300 postos de traballo directos, pero tamén dos outros tantos indirectos que xera a actividade da pizarreira (uns 3 ou 4 por cada posto de traballo directo), ameazando xa non só a subsistencia das familias fundamentalmente concernidas, senón de toda a comarca, que se pode ver fondamente impactada por esta situación”, concluíu o deputado socialista.