Concello de Ourense termalismo

Criticamos a xestión termal de Jácome e que desvíe a atención cara aos funcionarios para non falar da mesma

O GRUPO MUNICIPAL SOCIALISTA CRITICA A PÉSIMA XESTIÓN TERMAL DE JÁCOME, CO 100% DAS INFRAESTRUTURAS INFRAUTILIZADAS OU PECHADAS, E QUE DESVÍE O FOCO AOS FUNCIONARIOS PARA NON FALAR DA MESMA

Nos plenos do Concello de Ourense o rexedor permítese a licenza de afirmar que o termalismo non xera postos de traballo. Pero como vai facelo coa xestión que está a levar a cabo?”, inxeriu o edil José Ángel Vázquez Barquero

Hai que poñer o foco en que a xestión de Jácome fai augas, é un descontrol e non podemos seguir mercando o seu discurso que promove o odio entre políticos, funcionarios e a sociedade”, concluiu a voceira Natalia González Benéitez

Ourense, 21 de setembro de 2023. Os concelleiros e concelleiras do grupo municipal socialista sinalaron esta mañá que o 100% das infraestruturas termais das que dispoñe a cidade están “funcionando en precario”, cando non se atopan pechadas. Así o explicou o edil José Ángel Vázquez Barquero diante da obra da piscina das Burgas, que se adxudicou a unha empresa, entre outros motivos, porque se remataría nun prazo máximo de 5 meses e os medios publicaron recentemente que se extenderá o reacondicionamento, como mínimo, ata final de ano.

“Por fin o alcalde comprendeu que ten que delegar competencias e que a súa xestión personalista é un absoluto fiasco. Especialmente naqueles eidos sensibles para a cidadanía como é o termalismo”, expuxo lembrando que a das Burgas leva pechada 3 anos e medio. “Ademais, poucas actuacións se levaron a cabo para manter en boas condicións as infraestruturas xa existentes e nos casos nos que si se actuou o resultado foi unha chapuza absoluta, como aconteceu coa fonte do Tinteiro”, concretou.

As termas da Chavasqueira destruidas nun incendio hai catro anos e sen rehabilitar; as de Outariz a baixo rendemento, sen coñecer ninguén cando estarán a total siposición dos usuarios e usuarias; apartamentos turísticos pechados e un centro de interpretación funcionando a medio gas son algúns dos exemplos que enumerou. “Iso si, nos plenos do Concello de Ourense Jácome permítese a licenza de afirmar que o termalismo non xera postos de traballo. Pero como vai facelo coa xestión que está a levar a cabo?”, inxeriu Barquero.

“Agora quere suprimir o servizo de termalismo e a pregunta que nos facemos é por que? É porque non cre no termalismo ou porque tal e como está non é quen de sacar rédito do mesmo?”, engadiu e lamentou que as competencias se desvíen agora cara a Infraestruturas, logo de coñecerse os audios nos que supostamente o actual responsable desta área aparecía implicado en contratacións irregulares ou ilegais. “Lamentablemente, estou convencido de que nos vindeiros meses volveremos a ver novos escándalos asociados ao alcalde e ao que denomina como o seu conseguidor”, rematou.

Sobre o control aos funcionarios

Pola súa banda, a concelleira e portavoz do grupo municipal socialista, Natalia González Benéitez, afirmou que o rexedor emprega cortinas de fume constantemente para intentar desviar a atención e que non se fale de todo o que está a facer mal na cidade. “Dispara contra os funcionarios para que non se mire cara a súa nefasta xestión económica ou ao apagón cultural que padece Ourense. E penso que non deberiamos caer na trampa, nin demonizar aos funcionarios que exercen o seu traballo dignamente e con responsabilidade”, advertiu a edil.

“Non é de recibo que se empreguen asesores personais para controlar ao funcionariado porque o único que confirma é que os seus non valen para outra cousa máis que espiar, coaccionar ou vixiar. Por iso consideramos que hai que poñer o foco en que a xestión de Jácome fai augas, é un descontrol e non podemos seguir mercando o seu discurso que promove o odio entre políticos, funcionarios e a sociedade”, concluiu preguntada polos medios de comunucación.