concellos Denuncias

Os e as socialistas de Leiro denuncian a neglixente xestión do alcalde, evidenciada na conta xeral de 2022

O PSDEG-PSOE DE LEIRO CRITICA QUE A CONTA XERAL DE 2022, APROBADA EN PLENO, CONTÉN IMPORTANTES “EIVAS” E DEIXA EN EVIDENCIA A “NEFASTA” E “NEGLIXENTE” XESTIÓN DO ALCALDE

Os e as socialistas amósanse especialmente preocupados porque un concello que “ten un orzamento anual de 1.150.000 euros, teña pendente de cobro 652.199,74 euros ou unha débeda de 109.144,71”

Manuel Rodríguez Vázquez, critica a “negativa” do rexedor a dar explicación e responder ás preguntas dos socialistas, afirmando que “optou pola calada como resposta e polas descualificacións”

Leiro, 21 de setembro de 2023. O PSdeG-PSOE de Leiro critica que a Conta Xeral de 2022, que o goberno local do PP levou a pleno esta mesma semana e aprobou coa súa maioría absoluta, contén importantes “eivas” e deixa en evidencia a “nefasta” xestión do alcalde. Os e as socialistas amósanse especialmente preocupados porque un concello que “ten un orzamento anual de 1.150.000 euros, teña pendente de cobro 652.199,74 euros, o que supón un 57% dos ingresos previstos para o exercicio.

Dende o grupo municipal socialista aproveitaron a sesión plenaria para preguntarlle ao alcalde, Francisco José Fernández, diferentes aspectos do contido económico da conta xeral do ano 2022. Os e as socialistas de Leiro afirman que “346.208,99 euros do total pendente de ingresar son de dubidoso cobro, xa que pertencen a exercicios anteriores e temos serias dúbidas de que algúns dos compromisos non prescribisen”.

O voceiro do PSdeG-PSOE de Leiro, Manuel Rodríguez Vázquez, critica a “negativa” do rexedor a dar explicación e responder ás preguntas dos socialistas, afirmando que “unha vez máis optou pola calada como resposta, ademais de por continuas descualificacións”. Para o edil socialista esta situación “non é nova, xa que é habitual ao longo dos últimos anos tanto no concello de Leiro, como na mancomunidade do Ribeiro, da que é presidente” e subliña que “as contas non se axustan a realidade social e económica da veciñanza”.

A Conta Xeral aprobada, recolle o pago, entre outros, do servizo municipal de auga, recollida de lixo, recadación de taxas e impostos municipais ou a prestación dos servizos sociais. “A auga é xestionada por unha empresa privada, namentres que o resto delegáronse as competencias na mancomunidade, polo que o alcalde é o único responsable da xestión económica dun concello que ten unha débeda acumulada pendente de pago de 109.144,71 euros, correspondendo a maior parte ao exercicio de 2022”, sinala Rodríguez Vázquez.

Os e as socialistas poñen outro exemplo da “neglixente” xestión do rexedor ao lembrar que a comezos de 2022, notificáronlle unha fuga no servizo de auga municipal, cuxo orixe estaba xa en 2015 e que deu lugar a unha perda media anual en cada ano de 139.000 m³ de auga, cando o consumo medio por ano e por parte da veciñanza foi de 76.441 m³. Consideran que por todo isto, e por máis cuestións, “estase a prexudicar directamente á veciñanza” e critican que o alcalde “non responda, o que evidencia a súa mala xestión e o peor control dos recursos económicos de todos e todas”.

“Lembrámoslle ao alcalde que estas preguntas terá que contestalas agora dende a mancomunidade do Ribeiro, ao ser o seu presidente e ao estar as contas de esta entidade fiscalizadas polo Consello de Contas dende o ano pasado”, finalizan dende o PSOE de Leiro.