Executiva Provincial de Ourense POLÍTICA PROVINCIAL

Xa está aquí a II edición de Con-Memora, a xuntanza provincial do socialismo ourensán

O PSDEG-PSOE DE OURENSE CELEBRA ESTE SÁBADO A II EDICIÓN DE CON-MEMORA, A XUNTANZA PROVINCIAL DO SOCIALISMO OURENSÁN BAIXO O LEMA “OURENSE, FERVENZA DO SOCIALISMO”

A Executiva Provincial, deste xeito, da continuidade a unha iniciativa impulsada o pasado ano e que foi un gran éxito, concentrando na Peroxa a centos de persoas chegadas desde diferentes puntos da provincia, do país e de Portugal

O PSdeG-PSOE de Ourense busca “crear novas sinerxías a nivel provincial e seguir traballando para que as ideas socialistas e o proxecto cheguen a tódolos puntos da provincia”

Ourense, 21 de setembro de 2023. O PSdeG-PSOE de Ourense celebrará este sábado 23 de setembro a segunda xuntanza provincial do socialismo ourensán “Con-Memora”, baixo o lema “Ourense, fervenza do socialismo”. A Executiva Provincial, deste xeito, continuidade a unha iniciativa impulsada o pasado ano e que foi un gran éxito, concentrando na Peroxa a centos de persoas chegadas desde diferentes puntos da provincia, do país e de Portugal.

Con-Memora adáptase nesta ocasión a un ano electoral, no que se celebraron eleccións locais e nacionais, que impediron que esta celebración se fixese durante os meses de abril e maio. O PSdeG-PSOE de Ourense busca “crear novas sinerxías a nivel provincial e seguir traballando para que as ideas socialistas e o proxecto cheguen a tódolos puntos da provincia e construír un socialismo provincial aínda máis unido e forte, única alternativa real aos gobernos do Partido Popular”.

Esta nova edición, que estará presentada pola secretaria provincial de acción sindical e traballo da Comisión Executiva Provincial, Beatriz Domínguez Blanco, contará coa presencia de Carmen Rodríguez Nóvoa, a militante máis veterana da provincia e que recentemente cumpriu 100 anos. Carmen recibirá o premio Con-Memora 2023, para posteriormente ceder o testiño ao actual director do SEPE e ex-alcalde de Maside, Celso Fernández López, que intervirá para falar da creación dun Consello Provincial do PSdeG-PSOE de Ourense.

O secretario provincial do PSdeG-PSOE de Ourense, Rafael Rodríguez Villarino; e o secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, pecharán un acto no que se agarda a presencia de máis de duascentas persoas, entre cargos orgánicos, institucionais e militantes chegado de tódolos puntos da provincia de Ourense.