OS E AS SOCIALISTAS DE OURENSE RECLAMAN QUE SE DENOMINE, SEGUNDO O ACORDADO EN PLENO EN 2018, A PRAZA DA BIBLIOTECA NÓS COMO PRAZA DA II REPÚBLICA
“Esa zona era coñecida como Campo de Aragón e nel morreron fusiladas polos franquistas, tralo golpe de Estado de 1936, máis de 130 persoas inocentes”, sinala o secretario de Memoria Histórica da CEM, Xosé Lois Carrión
O acordo, aprobado por 17 votos a favor (PP, PSdeG e OueC) e 8 abstencións (DO), establecía tamén a instalación no centro de dita praza dun monumento que recrease os fusilamentos alí perpetrados
Ourense, 22 de setembro de 2023. O secretario de Memoria Histórica da CEM socialista do PsdeG-PSOE de Ourense, Xosé Lois Carrión, lamenta que a día de hoxe continúe sen denominarse á Praza da Biblioteca Nós como se acordou para facer cumplir a lei. «Esa zona era coñecida como Campo de Aragón e nel morreron fusiladas polos franquistas, tralo golpe de Estado de 1936, máis de 130 persoas inocentes cuxo único ‘delito’ foi o compromiso que mantiñan co goberno lexítimo da II República. É o lugar onde máis fusilamentos houbo de toda Galicia», incide.
Nesta liña, Carrión lamenta lembrar que o Concello de Ourense, en sesión plenaria do 4 de maio de 2018, aprobou instar ao Executivo municipal para que promovese a posta en valor do espazo como lugar de memoria mediante a inauguración da explanada -situada entre os edificios da Biblioteca Nós, o novo Arquivo Histórico, o antigo convento de San Francisco e o edificio municipal de Artes Escénicas Manuel Suárez Castro- co nome de Praza da II República.
O acordo, aprobado por 17 votos a favor (PP, PSdeG e OueC) e 8 abstencións (DO), establecía tamén a instalación no centro de dita praza dun monumento que recrease os fusilamentos alí perpetrados, así como a colocación dunha placa con nomes e apelidos de todas as vítimas caídas no Campo de Aragón. Ademais de que se incluise outra placa na que se reproduza a carta escrita polo alcalde socialista da cidade naquel momento, Manuel Suárez Castro, horas antes de morrer fusilado neste lugar.
A día de hoxe, máis de 5 anos despois, nada do acordado se levou a cabo e os e as socialistas reclaman -de novo- que o alcalde, Gonzalo Pérez Jácome, aplique dunha vez por todas a Lei de Memoria Democrática, en vigor desde outubro de 2022.

