O GRUPO MUNICIPAL SOCIALISTA ESIXE QUE NON SE DISOLVA O CONSELLO MUNICIPAL DE DEPORTES PARA PODER CONTINUAR FISCALIZANDO AS ACCIÓNS DE JÁCOME E PIDE AO PP QUE SE POSICIONE AO RESPECTO
“Nos últimos tempos presenta un comportamento errático e nervioso. E o CMD é o único organismo no que o PSOE e o BNG podemos levar a cabo unha fiscalización clara dos asuntos deportivos”, afirmou a voceira, Natalia González Benéitez, sobre o alcalde
“Pensa que silenciando ou desvirtuando calquer organismo onde teña que render contas vai a conseguir o seu propósito. Mais para nós é inadmisible e entendemos que o Partido Popular debe dicir que é o que vai facer”, engadiu
Ourense, 25 de setembro de 2023. O grupo municipal socialista trasladou a necesidade de que o alcalde, Gonzalo Pérez Jácome, lea os estatutos do Consello Municipal de Deportes (CMD) antes de facer anuncios populistas. “Se o fixera comprendería que o único xeito de disolver ese organismo, que funciona dende 1995 e foi aprobado polo goberno popular e a unanimidade de tódolos grupos políticos, é por acordo plenario unánime ou a proposta do Consello Reitor”, explicou a voceira do PSdeG, Natalia González Benéitez.
Neste senso, a tamén secretaria xeral da formación na cidade advertiu sobre cal pode ser a motivación do rexedor para facer dito anuncio. “Nos últimos tempos presenta un comportamento errático e nervioso. E o CMD é o único organismo no que o PSOE e o BNG podemos levar a cabo unha fiscalización clara dos asuntos deportivos”, afirmou sobre o funcionamento do mesmo no que o goberno ten que render contas, ainda que sexa dunha nefasta xestión administrativa, económica e de contratación pública.
“Pensa que silenciando ou desvirtuando calquer organismo onde teña que render contas vai a conseguir o seu propósito. Mais para nós é inadmisible e entendemos que o Partido Popular debe dicir que é o que vai facer. O silencio cómplice neste tema non é casual e cremos que se trata doutro chantaxe do alcalde ante o que semella que van a volver a baixar os pantalóns”, advertiu aos medios de comunicación fronte ao Pavillón dos Remedios.
Así mesmo, sinalou que se non exercen de oposición dun xeito efectivo tamén están sendo responsables, non só política senón legalmente, das actuacións do alcalde. “A repercusión de todo isto vaina pagar a cidadanía e o traballo, por parte de tódolos grupos políticos, no CMD é imprescindible. A axilidade que proporciona na xestión beneficia ao Concello de Ourense”, lembrou a voceira e engadiu que solicitarán toda a documentación relativa ao inicio do expediente de disolución do organismo, no caso de que exista.

