concellos INICIATIVAS

As e os socialistas de Punxín solicitan que se informe á veciñanza do futuro Plan Básico de Ordenación Municipal

O PSDEG-PSOE DE PUNXÍN SOLICITA QUE SE INFORME Á VECIÑANZA DAS PARROQUIAS DO MUNICIPIO DO PLAN BÁSICO DE ORDENACIÓN MUNICIPAL QUE A XUNTA VAI A LEVAR A CABO NO CONCELLO

Os e as socialistas consideran que un tema tan importante coma este “debe ser consensuado e explicado á veciñanza” e cualifican de “vergoñenta” a actitude do tenente de alcalde, que pasou de “opoñerse á aprobación a intentar erixirse como promotor do plan”

Lorena Peleteiro subliña que “a aprobación dun PBM é unha boa nova para Punxín, pero este debe ser consensuado coa veciñanza e servir para impulsar o rural e a chegada de novos veciños e veciñas”

Punxín, 26 de setembro de 2023. O PSdeG-PSOE de Punxín solicita que se informe á veciñanza de tódalas parroquias do municipio do Plan Básico de Ordenación Municipal (PBM), que a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, presentou esta mañá aos medios de comunicación. Os e as socialistas consideran que un tema tan importante como é un plan urbanístico “debe ser consensuado e explicado á veciñanza”.

Dende o grupo municipal socialista pídenlle ao grupo de goberno municipal que, unha vez se publique a aprobación inicial do Plan Básico de Ordenación Municipal no DOG, “se proceda a realización de reunións informativas coa veciñanza de tódolos núcleos de poboación do municipio”. As e os socialistas avogan tamén porque se “facilite unha canle de asistencia á veciñanza para que poidan realizar as alegacións que consideren e vexan preciso”.

A voceira do PSdeG-PSOE en Punxín, Lorena Peleteiro Vázquez, subliña que “a aprobación dun PBM é unha boa nova para Punxín, pero este debe ser consensuado coa veciñanza e servir para impulsar o rural e a chegada de novos veciños e veciñas ao municipio”. A edil socialista lembra que con esta ferramenta “ademais da ordenación dos núcleos de poboación, tamén se poderá catalogar o patrimonio cultural, arquitectónico, natural, arqueolóxico e etnolóxico do municipio”.

“Os e as socialistas estamos completamente a favor de que Punxín conte cun Plan de Básico de Ordenación Municipal”, afirma Peleteiro Vázquez, que tamén aproveita para recalcarlle á Xunta e ao Concello que “este debe contar co visto bo da veciñanza, principais implicados e beneficiados da súa aprobación”.

Críticas a actitude do tenente de alcalde

Na presentación celebrada esta mañá en Punxín estivo presente o tenente de alcalde, Eladio Fernández, que de xeito “sistemático” se opuxo ao longo dos anos a aprobación deste plan. Os e as socialistas atópanse “sorprendidos” pola actitude do tenente de alcalde, que “agora posa en fotos en compaña da conselleira, cando ata fai ben pouco bloqueaba a aprobación deste plan”.

Dende o PSOE de Punxín consideran “vergoñenta” a actitude de Fernández, ao que lle reclaman que “deixe de dar bandazos dun lado para outro” e esíxenlle que “cese de buscar o seu interese persoal e económico e se centre no verdadeiramente importante, que é a veciñanza de Punxín”. Lorena Peleteiro destaca que “as contradicións do tenente de alcalde non cesan” e subliña que “pasou de opoñerse de xeito sistemático a aprobación deste plan a actuar como se fose o promotor deste instrumento”.