Concello de Ourense DEREITOS SOCIAIS

Pedimos que Ourense se adhira á rede de cidades libres de tráfico de mulleres, nenas e nenos destinados á prostitución

O GRUPO MUNICIPAL SOCIALISTA RECLAMA QUE OURENSE SE ADHIRA Á REDE DE CIDADES LIBRES DE TRÁFICO DE MULLERES, NENAS E NENOS DESTINADOS Á PROSTITUCIÓN, ENTRE OUTRAS MEDIDAS

A igualdade continuará sendo inalcanzable mentres se poida vender, explotar e comprar ás mulleres. E os datos reflicten que alí onde se regularizou a prostitución aumentou a trata”, sinalou a concelleira Alba Iglesias

Os e as socialistas tamén piden que se prohiba a colocación, repartición e divulgación de publicidade que promova o consumo de prostitución e que se revisen as licenzas concedidas para evitar esta práctica en determinados locais

Ourense, 26 de setembro de 2023. Co gallo do Día Internacional contra a Explotación Sexual e a Trata de Mulleres, Nenas e Nenos-que se celebra cada ano o 23 de setembro- o grupo municipal socialista reclama que Ourense se adhira á rede de cidades e pobos libres de tráfico de mulleres, nenas e nenos destinados á prostitución. Tamén que se contribúa a xerar conciencia social contraria á compra e consumo da mesma mediante campañas de sensibilización sobre as consecuencias da explotación sexual e a responsabilidade dos comportamentos individuais de quen acode a ela.

“A igualdade continuará sendo inalcanzable mentres se poida vender, explotar e comprar ás mulleres. E os datos reflicten que alí onde se regularizou a prostitución aumentou a trata”, sinalou a concelleira Alba Iglesias sobre as últimas estatísticas coñecidas. “España é o país europeo con maior demanda de prostitución e o terceiro do mundo”, lembrou a tamén secretaria xeral de Xuventudes Socialistas en Ourense.

Nesta liña, a edil explicou que é imprescindible esixir que, a través de ordenanzas municipais, se prohiba a colocación, repartición, divulgación e/ou difusión de publicidade que promova, favoreza ou fomente o consumo de prostitución e a explotación sexual das mulleres. Así como que se revisen as licenzas administrativas municipais concedidas para garantir o cumprimento efectivo da normativa vixente en relación ás actividades de determinados locais co fin de evitar que neles se promovan neles ditas prácticas denigrantes.

Por outra banda, dende o grupo municipal socialista consideran necesario estreitar a colaboración coas organizacións e colectivos que prestan servizos de asistencia ás vítimas de explotación e que se impulsen, dentro do marco competencial municipal, as medidas necesarias para o desenvolvemento dunha estrutura de apoio multidisciplinar para as vítimas de trata e explotación sexual.

“É indispensable crear conciencia social e sensibilizar sobre este tema. A trata non se poderá combater mentres siga a existir a prostitución”, rematou Iglesias.