INICIATIVAS Parlamento de Galicia

Carmen Dacosta empraza á Xunta a consensuar un plan de emprego acorde coas necesidades de Galicia

O GRUPO SOCIALISTA EMPRAZA Á XUNTA A CONSENSUAR COS AXENTES SOCIAIS UN PLAN DE EMPREGO ACORDE COAS NECESIDADES DO MERCADO LABORAL GALEGO

Carmen Dacosta denuncia que a Xunta deixou sen executar 2.000 millóns de euros en políticas de emprego dende o ano 2009

Santiago de Compostela, 26 de setembro de 2023. A portavoz de Emprego do Grupo Socialista, Carmen Rodríguez Dacosta, reclamoulle á Xunta un Plan de Emprego consensuado cos axentes sociais que inclúa unha planificación estratéxica, deseño e directrices en materia laboral. A responsable socialista presentou unha proposición non de Lei neste sentido que foi rexeitada no Pleno do Parlamento que comezou hoxe.

A parlamentaria socialista cualificou de “farsa” aos orzamentos realizados polo Partido Popular porque «non os executan” e “non son capaces de por en marcha unha política de formación para o emprego”. Sinalou que o goberno galego deixou sen executar 1.954 millóns de euros dos 5.977 asignados a políticas de emprego baixo os gobernos de Feijóo e Rueda dende o ano 2009.

Por isto, instou ao goberno galego a realizar un plan estratéxico, “de forma inmediata”, unha vez realizado un estudo das necesidades do mercado laboral galego coa participación dos axentes sociais galegos, que poña en marcha un sistema galego de emprego “eficiente, inclusivo e eficaz”. Chamou a superar a política laboral “ancorada nun modelo que non funciona” dun goberno incapaz de afrontar os novos desafíos da tripla transición dixital, enerxética e sociodemográfica.

Responsabilizou ao goberno galego de manter un modelo económico caduco que agrava a fenda laboral de Galicia, medrando moi por debaixo do resto do Estado, ata o punto de que aínda faltan 14.000 afiliados á Seguridade Social para acadar os niveis previos a 2008. Sinalou que os contratos indefinidos medran en España 10 puntos máis que en Galicia, onde “o único que aumenta son os fixos discontinuos” e a poboación que ten que marchar a traballar fora.

Salientou que segundo as medias anuais da Enquisa de Poboación Activa (EPA), en 2022 as persoas paradas de longa duración supoñen o 42,3 por cento de todas as paradas, moi por riba do 28,9 por cento que supoñían en 2008. A parlamentaria destacou que estas cifras poñen de manifesto que “existe un desaxuste entra a formación impartida e a demanda”.

Emprego xuvenil

Dacosta quixo destacar que a Xunta “ten un cero en políticas de emprego para a mocidade” e sinalou que Galicia está entre as catro comunidades coa taxa máis baixa do Estado e cunha taxa de desemprego de case 16 puntos. “A falta de oportunidades, a precariedade e a inestabilidade son lastres para que os mozos desenvolvan un proxecto vital independente e digno na nosa comunidade autónoma”, concluíu.

A voceira socialista puxo en valor que “si algo está a mudar o panorama laboral do estado é grazas á reforma laboral do presidente Pedro Sánchez”. Animou ao Partido Popular a analizar o Plan Estratéxico de Emprego elaborado no bipartito de Emilio Pérez Touriño que marcaban obxectivos e medidas para a mellora da situación laboral galega con indicadores de avaliación e estudos de diagnose.

A responsable socialista sinalou que o goberno central transferiulle á Xunta 645,4 millóns de euros, nestes tres anos 2021-2023, para o desenvolvemento das súas competencias en materia de política de emprego e resaltou que dos  fondos asignados para formación de parados e ocupados hai sen executar 863 millóns de euros.