concellos Denuncias

Os e as socialistas de Viana preocupados polos numerosos problemas do municipio

O PSDEG-PSOE DE VIANA PRESENTA UNHA BATERÍA DE MEDIDAS PARA PALIAR NUMEROSAS EIVAS E PROBLEMÁTICAS QUE PRESENTA O MUNICIPIO TRAS ANOS DE “INACCIÓN” E “DESIDIA”

Os e as socialistas requiren que o concello poña solucións “inmediatas” a estas situacións e remate tamén con varias discriminacións “históricas” entre a veciñanza

Dende o PSOE vianés relatan que “hai problemas na piscina municipal, no cumprimento das ordenanzas, no aparcamento no casco histórico, existen discriminacións nas festas e é necesario un plan de limpeza”

Viana do Bolo, 27 de setembro de 2023. O PSdeG-PSOE de Viana do Bolo presenta unha batería de medidas para paliar numerosas eivas e problemáticas que presenta o municipio, tras anos de “inacción” e “desidia” dos gobernos municipais. Os e as socialistas requiren que o concello poña solucións “inmediatas” a estas situacións e remate tamén con varias discriminacións “históricas” entre a veciñanza.

Dende o grupo municipal socialista de Viana explican que o municipio presenta “numerosas deficiencias e carencias ás que é preciso buscar solución”, motivo polo que no último pleno, aproveitando o punto de rogos e preguntas, expuxeron as mesmas ao equipo de goberno do Partido Popular. Os e as socialistas lembráronlle aos populares que “as competencias para levar acabo iniciativas e solucionar os problemas da veciñanza son labor do equipo de goberno”.

Os e as socialistas destacan que en materia de infraestruturas, concretamente na piscina municipal “son necesarias varias reformas, xa que a escada de acceso ao vaso dos cativos, atópase oxidada, co risco que entraña para as crianzas”. Tamén apuntan a que na piscina dos adultos “atópanse escalóns rotos e soltos, o que dificulta o seu uso”. Ademais, poñen o foco na necesidade de “cumprir” coa ordenanza aprobada en pleno, xa que tal e como apuntan “para deixar de cobrar polo uso das piscinas é necesario elaborar unha nova ordenanza e traela a pleno”.

Outro dos puntos expostos polo PSOE vianés, fai referencia ao aparcamento no casco antigo da vila, xa que tal e como apuntan a situación “é de total esperpento”, despois de aprobar ordenanzas prohibindo estacionar nos meses de estío na praza e rúas adxacentes, pero que tal e como sinala os e as socialistas «estas non se compren”. Neste senso, o voceiro do PSdeG-PSOE, Germán García-Ávila Arias sinala que o goberno municipal “incumpre as propias ordenanzas elaboradas polo concello e aprobadas en pleno e publica bandos que contradín o que ordenan as sinais de tráfico, algo que xa pasaba durante os mandatos do BNG”. O edil socialista afirma que “xa vai sendo hora que se poña orde e sentido ao funcionamento da vida diaria da veciñanza, non só con prohibicións, senón dándolles alternativas, como pode ser a creación dun aparcadoiro público, que defendemos os e as socialistas”.

En relación a limpeza e mantemento do municipio, os e as socialistas vianesas sinalan que “a imaxe e a impresión que levaron os veciños e turistas nos meses de verán foi de decepción”, xa que tal e como apuntan “as rúas presentaban un aspecto de total abandono, cheas de lixo, papeis e cabichas”. Ademais tamén sinalan que a mobilidade “era practicamente imposible”, xa que se atopaban numerosos vehículos “mal estacionados”. “Instamos ao goberno municipal a reforzar a limpeza, coa instalacións de papeleiras, xa que na actualidade hai unha carencia enorme deste mobiliario”, apunta o voceiro socialista.

O grupo municipal socialista tamén pon o foco nas festas patronais e na festa da Androlla, explicando que no caso das festas patronais “existe unha clara discriminación, tanto por parte do actual goberno, como do anterior goberno municipal do BNG”. García-Ávila Arias subliña que “non é normal que se consinta por parte do consistorio que determinados negocios de hostalería se neguen a pagar polas festas, namentres outros si o fan”. Neste punto, tamén poñen o foco na “discriminación” entre varios núcleos de poboación do concello, xa que segundo apuntan “namentres a uns se lles pagan as festas patronais, a outros requíreselles que as paguen dos seus petos. Namentres uns pagan impostos e non reciben axudas para as festas, as festas da capital si”.

En relación coa festa da Androlla, os e as socialistas reclaman “melloras na organización e xestión”, xa que tal e como apuntan “non é de recibo que nunha das celebracións máis importantes da provincia, e na que o concello fai unha achega de 77.000 euros, nos atopemos con que se regalan unhas 100 invitacións, namentres o resto de veciños e veciñas paga o prezo do menú”. Neste senso tamén reclaman que “se actualice o prezo da entrada, e se acorde un pagamento axustado a variedade e a calidade do menú, que se achegue ao coste do prato”.