O GRUPO MUNICIPAL SOCIALISTA DENUNCIA SUPOSTAS IRREGULARIDADES E DIFICULTADE PARA ACCEDER Á INFORMACIÓN DO CONVENIO ENTRE O CONCELLO E O OURENSE CLUB DE FÚTBOL SAD
“Faltan os informes dos técnicos, ou se existen están extraviados, así como o ide fiscalización do interventor”, destacou o socialista José Ángel Vázquez Barquero sobre as irregularidades atopadas ao consultar o expediente
“O PP ten que entender que se non asume a responsabilidade que ten para reconducir a situación actual nada cambiará”, expuxo o edil Paco Rodríguez ante os medios de comunicación
Ourense, 28 de setembro de 2023. O grupo municipal socialista denunciou esta mañá a dificultade para poder acceder aos expedientes do convenio entre o Concello e o Ourense Club de Fútbol SAD que se firmou a finais do ano pasado. “Facemos fincapé nel porque é un exemplo dos chanchullos e chapuzas nos que está instalado o califato do señor Jácome”, resumiu o edil José Ángel Vázquez Barquero.
“Unha das cousas que nos chama a atención é que non se especifica se o convenio abrangue 39, 34 ou 44 actuacións. E outra é a aportación que ten que realizar o club deportivo. Ascende aos 1.700 euros, o que sería uns 50 euros por actuación no caso de ser 34 e entre as que se atopa a compra dunha flota de autobuses. O total desas actuacións é de 62 millóns de euros”, aclarou sobre a escasa información que os e as socialistas puideron consultar ao respecto. “Por cada 100.000 euros de inversión o club aporta a irrisoria cantidade de 2,70 euros, que non resolve ningún problema”, incidiu.
Nesta liña, o concelleiro destacou que o expediente que se lles deixou ver só consta de cinco documentos cunha memoria xustificativa asinada polo alcalde, o convenio rubricado polas partes, un documento acreditativo de que a entidade deportiva depositou a súa aportación, unha solicitude deste último con data do 1 de setembro de 2023 para que o convenio rematase antes da data prevista (31 de decembro deste ano) e que se lle devolvese o diñeiro. O quinto documento é o acordo de extinción do convenio asinado a semana pasada.
“Faltan os informes dos técnicos, ou se existen están extraviados, así como o informe de fiscalización do interventor”, destacou Vázquez Barquero sobre as irregularidades coas que se atopou o grupo municipal ao consultar o expediente.
Así mesmo, a Alcaldía sostén que a “necesidade e oportunidade do convenio” se estima xustificada ao “implicar unha achega económica adicional para o finanzamento dos gastos previstos polo Concello”, tal e como se recolle na documentación aportada. “É dicir, para financiar obras de 62 millóns de euros, 1.700 euros”, resumiu.
Todo isto leva aos e ás socialistas a preguntarse por que se asina un convenio sen informes técnicos e de fiscalización, sen necesidade económica porque a cantidade aportada polo club non resolve ningún problema dos que branguen as actuacións a levar a cabo. “A resposta é sinxela: o convenio é un mecanismo en fraude de lei para poder incorporar créditos automáticamente o 1 de xaneiro de 2023 e continuar co procedemento administrativo da compra dos autobuses sen ter que pasar nos primeiros meses deste ano polo pleno, onde Jácome non contaba con maioría, nin sequera co apoio do PP”, remarcou sobre un proceder que coarta a actuación dos grupos da oposición.
Tampouco aparece no expediente o informe de fiscalización que ten que facer o interventor para devolver os cartos aportados ao Ourense Club de Fútbol SAD. “Un cúmulo de triquiñuelas coas que actúa o goberno do señor Gonzalo Pérez Jácome”, afirmou.
Pola súa banda, o concelleiro Paco Rodríguez lamentou que o Partido Popular bendiga as modificacións de crédito do rexedor para a súa aprobación e que sexa cómplice das súas irregularidades. “Máis que como político, como cidadán teño a sensación que unha inmensa maioría da veciñanza está preocupada pola situación que afrontamos. Pero tamén creo que nos estamos a acostumar a vivir nunha situación anómala que nos vai pasar factura no futuro”, considerou.
“O PP ten que entender que se non asume a responsabilidade que ten para reconducir a situación actual nada cambiará”, rematou mantendo as distancias ideolóxicas coa dereita pero recoñecendo a lexitimidade e a confianza que a cidadanía lle outorgou aos populares nas pasadas eleccións municipais.

