O PP IMPIDE CO SEU VOTO EN CONTRA UNHA MAIOR FISCALIZACIÓN E RACIONALIZACIÓN DO USO DO PARQUE MÓBIL DA DEPUTACIÓN DE OURENSE
A iniciativa para unha maior fiscalización e racionalización no uso do parque móbil da Deputación de Ourense foi rexeitada polo voto adverso do PP, quen se conformou como a única forza política contraria á iniciativa, que non saíu adiante pola ausencia no Pleno de dous deputados de oposición
Ourense, 29 de setembro de 2023. O Grupo Provincial Socialista tamén presentou unha Moción para que Deputación de Ourense formalice un regulamento de uso dos coches oficiais da institución e implante un rexistro público, de actualización regular e accesible a través da páxina web da institución, no que se poidan consultar, en todo momento e por todos os cidadáns, os desprazamentos realizados, as persoas que participaron en cada un destes, as motivacións e o seu custo. A iniciativa foi rexeitada polo voto adverso do PP, quen se conformou como a única forza política contraria á iniciativa. Tan só a ausencia no Pleno de dous deputados de oposición, Xosé Manuel Puga, do grupo do BNG, e Gonzalo Pérez Jácome, de DO, que se ausentou no momento da votación, impediu a suma de voces necesarias para sacar adiante unha moción subscrita por todas as forzas do hemiciclo, agás o PP.
“Pensamos que a adopción deste tipo de medidas para o uso do parque móbil, nomeadamente os coches oficiais, redundará nunha mellor rendición de contas e transparencia, pero tamén nuns máis elevados índices de sustentabilidade financeira, responsabilidade e lealdade institucional, e un maior respecto polo medio ambiente”, indicou Diego Fernández, deputado socialista. O presidente da Deputación Luís Menor, xustificou o rexeitamento en que “a nova administración (á fronte da institución) non deu motivos para adoptar novas medidas (de fiscalización)”, asumindo implicitamente arbitrariedades no pasado e sen desmentir os motivos a prol dun maior control no uso do parque móbil.

