PP, DO E BNG XÚNTANSE PARA DEIXAR SEN AXUDAS ÁS FAMILIAS NO INICIO DE CURSO ESCOLAR MÁIS CARO DA HISTORIA DE OURENSE
“As familias de alumnas e alumnos deberían recibir das administracións os recursos necesarios con criterios de igualdade e equidade, e máis neste delicado contexto económico, moi marcado pola forte inflación”, defendeu a vicevoceira socialista na Deputación, Elvira Lama
Ourense, 29 de setembro de 2023. A PP, DO e BNG votan xuntos no pleno da Deputación de Ourense contra a moción do grupo provincial socialista para a activación dun plan de axudas dirixido á adquisición de libros e material escolar para o curso 2023/2024. Xustificando a iniciativa, que aspira a que a Deputación de Ourense saia ao paso de quen máis o precisa na actual conxuntura, a vicevoceira socialista na Deputación de Ourense, Elvira Lama, fixo fincapé en que “as familias de alumnas e alumnos deberían recibir das administracións os recursos necesarios con criterios de igualdade e equidade, e máis neste delicado contexto económico, moi marcado pola forte inflación, que fai que este sexa o inicio de curso máis caro da historia de Ourense”.
Desde o Grupo Provincial Socialista sustentouse que as actuais axudas da Xunta de Galicia para libros de texto e material escolar “son claramente insuficientes, posto que non toman en consideración máis gastos que os dos libros, cando unha familia pode chegar a gastar non menos de 200 euros na etapa de educación infantil e mesmo máis en ulteriores etapas educativas”, dixo Elvira Lama. “Neste senso, concluíu Lama, o goberno galego deixa totalmente desprotexidas ás familias con cativos e cativas escolarizados e a todas aquelas que estean en situación de vulnerabilidade, motivo polo que consideramos a Deputación debe apoiar a ditas familias habilitando estas axudas que, doutra banda, xa contemplan algúns dos nosos concellos na provincia”.
Na quenda de réplicas, o voceiro de DO, Armando Ojea, xulgou de “típica demagoxia” a proposta socialista, mentres que María Xosé Mangana, deputada nacionalista, declinou apoiar a iniciativa co gallo de que a educación entra dentro do ámbito de competencias da Xunta de Galicia. Por parte do PP, César Fernández, vicepresidente segundo da Deputación, estimou “suficiente” o plan de axudas do goberno autonómico, considerando que a institución provincial debe dedicar recursos cara outras empresas. “Esta é a igualdade de todos os españois que os señores do PP defenden! Deberán explicarlle vostedes ás familias da nosa provincia que están a sufrir que a Deputación non está para axudalas”, sentenciou Lama.

