MANIFESTO DAS SECRETARIAS E SECRETARIOS XERAIS PROVINCIAIS DO PSOE, PRIMEIRAS E PRIMEIROS SECRETARIOS DAS FEDERACIÓNS DO PSC E REPRESENTANTES DAS FEDERACIÓNS UNIPROVINCIAIS DO PSOE EN APOIO Á INVESTIDURA DE PEDRO SÁNCHEZ
Madrid, 1 de outubro de 2023. O pasado 23 de xullo España votou en liberdade e de forma masiva, coa segunda maior taxa de participación electoral da última década. O pasado 23 de xullo triunfou a responsabilidade democrática sobre a apatía. Triunfou a convivencia. Pero, sobre todo, triunfou o progreso sobre o retroceso.
As eleccións xerais do 23 de xullo confirmaron a posibilidade de lograr unha maioría parlamentaria que consolide o proxecto dun goberno progresista que protexeu ás familias e ás empresas do noso país co maior escudo social da historia. Que volveu a facer de España un referente na conquista de novos dereitos e liberdades. Que apostou pola plena igualdade entre mulleres e homes. Pola dobre transición ecolóxica e dixital.
Un proxecto progresista que devolveu a estabilidade política e a paz social a un país que fai cinco anos sufría aínda as consecuencias da resposta da dereita á crise financeira en forma de recortes sociais, cunha ampla fractura social e territorial, e cun goberno invadido pola corrupción.
Hoxe España conta cunha maioría para avanzar nun proxecto de progreso e convivencia.
PP e VOX pediron o voto para derrogar a obra dun goberno progresista cunha estratexia baseada exclusivamente no insulto e a mentira. Unha aposta que fracasou o 23 de xullo. Se PP e VOX tivesen os votos suficientes, hoxe España tería un goberno da dereita e a ultradereita. Exactamente igual que ocorreu en todas as comunidades e concellos onde sumaron, aínda que o Partido Socialista fose a forza máis votada en moitos deles.
Pediron o voto para “derrogar o sanchismo”, exactamente igual que fixeron antes con outros gobernos socialistas, porque o seu único obxectivo era impedir un goberno socialista para reverter todas as políticas progresistas. Aínda que para iso tivesen que abrazarse á ultradereita e asumir as súas teses contra a igualdade, contra a ciencia, contra a cultura e contra a convivencia. Así foi en todas as comunidades e concellos onde pactaron.
É evidente, ao PP de hoxe non lle gusta o PSOE de hoxe, como ao PP de antes tampouco lle gustaba o PSOE de antes. Pero esiximos o abandono do insulto e a mentira como forma de facer política. Do mesmo xeito que esiximos que o PP volva ao consenso constitucional poñendo fin ao bloqueo ao que someteu ao órgano de goberno dos xuíces durante o último lustro. Non pedimos o apoio do PP para gobernar, os nosos proxectos políticos son moi diferentes. Pero si esiximos ao PP que abandone a radicalidade do seu abrazo coa ultradereita e volva ao respecto aos consensos básicos.
Fronte a unha estratexia política de terra queimada, que o fía todo ás descualificacións e ao ataque persoal ao noso Secretario Xeral, imos facer valer todo o respecto que o PSOE merece, porque os logros do goberno de coalición progresista foron evidentes e transcendentais para o avance do noso país.
Como as políticas de compromiso coas traballadoras e traballadores, coa creación de emprego, cos ERTE, coa reforma do mercado laboral, coa subida sen precedentes do SMI e cun acordo de pensións que fortalece a protección social.
Como as políticas de compromiso en todos os ámbitos coa igualdade de xénero e coas aspiracións nas liberdades e dereitos da cidadanía, como a Lei da eutanasia.
Como as políticas de sensibilidade democrática coa Lei de Memoria Democrática e a política exitosa de diálogo e reencontro con Cataluña.
E como as políticas de profundización do Estado Social, coa recuperación do investimento en dependencia, a creación do ingreso mínimo vital e o maior investimento en bolsas da democracia.
A expresión das urnas foi clara. NON ao señor Feijóo. Así quedou constatado no Parlamento e o compromiso do PSOE é formar un Goberno de progreso con Sumar para revalidar os acordos que tan bos resultados deron na pasada lexislatura e que foron referendados o 23J.
Por todo iso, apoiamos e animamos a Pedro Sánchez a traballar para lograr de novo a súa investidura como presidente do Goberno. A nosa confianza nel é a confianza que depositamos na formación dun Executivo progresista que abra unha nova etapa de avances sociais, en favor dunha democracia asentada na igualdade de xénero, na convivencia que descansa no recoñecemento da diversidade de España, da súa memoria democrática e do espírito de reconciliación, así como nunha modernización económica comprometida coa transición ecolóxica e a sustentabilidade.
A historia do PSOE e do PSC é a historia do servizo democrático a España, é a historia das conquistas sociais, dos dereitos civís, da cohesión alcanzada a través do exercicio do diálogo, para vivir xuntos co mellor espírito constitucional. Porque para o noso partido, a España democrática é a España que se pode reconciliar con todos, con todas e todos.
Afrontamos esta nova etapa con plena ilusión e determinación. Pedímoslle a Pedro Sánchez, o noso Secretario Xeral, que a encabece para conformar un Goberno de progreso e convivencia. O Goberno dunha España moderna, social, feminista, europeísta, de referencia en dereitos e liberdades. Unha España en paz.

