A EXECUTIVA LOCAL DO PSDEG-PSOE DE OURENSE QUERE TRASLADAR O SEU PESAR E TRISTEZA POLA MORTE DE DOLORES SUÁREZ BRETAÑA, MÁIS COÑECIDA COMO LOLITA
“Coa marcha de Lolita a cidade de Ourense queda un pouco máis orfa, máis triste e con menos memoria”, sinala o secretario de Dereitos Humanos da CEM, Xosé Lois Carrión
Dende a CEM enviamos unha forte aperta á familia e amizades de Lolita nestes tristes momentos e comprometémonos a continuar lembrando aos que, coma ela e o seu pai, traballaron incansablemente a prol da liberdade e a xustiza
Ourense, 3 de outubro de 2023. A Executiva local do PSdeG-PSOE da cidade de Ourense quere trasladar, mediante o presente comunicado, o seu pesar e tristeza pola morte de Dolores Suárez Bretaña (coñecida por todos como Lolita), filla do alcalde mártir de Ourense asasinado polos franquistas en 1937 por “socialista” e “masón”, como ela mesma lembraba.
Militante inesgotable e reivindicativa daqueles aos e ás que silenciaron e asasinaron, o pasado mes de marzo celebraba os 100 anos de vida e o secretario de Memoria e Dereitos Humanos da CEM, Xosé Lois Carrión, cualificábaa como “unha persoa comprometida”, o que certificou coa súa presenza na candidatura municipal do partido para as eleccións do 28 de maio de 2023.
“Coa marcha de Lolita a cidade de Ourense queda un pouco máis orfa, máis triste e con menos memoria”, sinala sobre un referente á hora de poñerse do lado dos inocentes. Testemuña, por outra banda, da historia de España ao conservar as cartas que seu pai intercambiou co fundador do PSOE, Pablo Iglesias Posse.
Dende a Executiva local socialista enviamos unha forte aperta á familia e amizades de Lolita nestes tristes momentos e comprometémonos a continuar lembrando aos que, coma ela e o seu pai, traballaron incansablemente a prol da liberdade, a xustiza e a reparación.

