INICIATIVAS Parlamento de Galicia

Eduardo Ojea reclama ao goberno galego que active a convocatoria das axudas para rehabilitación de vivendas

O GRUPO SOCIALISTA ALERTA DE QUE O BOICOT DA XUNTA AOS INVESTIMENTOS DO PLAN DE RECUPERACIÓN PODERÍA OBRIGARLLE A DEVOLVER AS AXUDAS ESTATAIS PARA REHABILITACIÓN DE VIVENDA EN 2026

Eduardo Ojea reclámalle ao goberno galego que active a convocatoria de axudas do Programa de Rehabilitación financiado con cargo ao Plan de Recuperación

Santiago de Compostela, 4 de outubro de 2023. O portavoz de Vivenda do Grupo Socialista, Eduardo Ojea, alertou hoxe de que o boicot do goberno galego aos investimentos procedentes do Estado pon en risco 150 millóns de euros transferidos para rehabilitación e que teñen que ser adxudicados antes de 2026. Ojea presentou unha proposición non de Lei na Comisión de Obras Públicas para pedirlle á Xunta que active a convocatoria de axudas do Programa de Rehabilitación para recuperación económica e social en contornas residenciais, pero que foi rexeitada polo PP.

O responsable socialista lembrou que o Estado vén de enviarlle a Galicia 67 millóns de euros en 2021 e outros 81 millóns de euros adicionais en 2022 con cargo a este programa financiado dentro do Plan de Recuperación. Advirte que o prazo de execución vence a finais de 2026, e que a partires dese momento haberá que retornar as axudas non xustificadas.

Urxe á Xunta a responder da necesidade de cogobernanza e cooperación e “activar a convocatoria de axudas e os procesos de adxudicación para que os cartos cheguen aos particulares e que poidan acometer proxectos de rehabilitación”. Advertiu da necesidade destas actuacións por canto Galicia é “unha das comunidades autónomas con máis vivendas baleiras e pendentes de rehabilitación ou reforma”, que poderían integrar o deficitario parque público de alugueiro social.

Ojea criticou o desleixo da Xunta en materia de rehabilitación de vivenda, como demostra que o orzamento do programa de Fomento de Rehabilitación quedou este ano en apenas 9 millóns de euros, fronte aos 78 millóns do último Orzamento elaborado polo presidente socialista Pérez Touriño en 2009. Actualmente a Xunta prevé rehabilitar un máximo de 157 vivendas dentro do programa Rexurbe, moi lonxe das 3.000 que prometera Feijóo para esta Lexislatura.

A falla de interese do goberno galego contrasta co investimento enviado polo goberno central, que transferiu 82,2 millóns de euros aos concellos galegos para rehabilitar 5.000 vivendas dentro do Plan Estatal de Vivenda 2018-2021, e enviará outros 230 millóns dentro do Plan 2022-2025 que permitirá rehabilitar outras 20.000 vivendas.

Ademais, dende o ano 2018 transferiulle á Xunta preto de 300 millóns de euros para actuacións en vivendas, edificios e barrios, un compromiso que terá continuidade este ano e os vindeiros para rehabilitar 25.000 vivendas e construír 1.200 vivendas sociais. Explicou que o goberno pon a disposición os fondos do Plan de recuperación, pero a Xunta debe publicar as convocatorias dos fondos, e o IGVS convocar as axudas financiadas con fondos europeos.