concellos Denuncias

Os e as socialistas de Viana denuncian que as obras da estrada de San Agostiño acumulan 3 anos de retraso

O PSDEG-PSOE DE VIANA DO BOLO DENUNCIA UN NOVO CAPÍTULO DA “NEFASTA” XESTIÓN QUE ESTÁ A DESENVOLVER A DEPUTACIÓN NAS OBRAS DE ARRANXO DA ESTRADA DE SAN AGOSTIÑO QUE ACUMULAN UN RETRASO DE 3 ANOS DESDE A SÚA LICITACIÓN

Tal e como denuncian, a obra, logo de estar parada durante meses, “retomouse fai unhas semanas, pero a nova empresa decidiu abandonala, retirando a maquinaria nestes últimos días”

O voceiro do PSdeG-PSOE de Viana, Germán García-Ávila Arias, explica que esta “parálise” e “desidia” está causando grandes inconvenientes á veciñanza, posto que os 8 quilómetros que quedan por rematar de arranxar atópanse nun estado “calamitoso”

Viana do Bolo, 4 de outubro de 2023. O PSdeG-PSOE de Viana do Bolo denuncia un novo capítulo da “nefasta” xestión que está a desenvolver a Deputación Provincial de Ourense nas obras de arranxo da estrada de San Agostiño. Tal e como denuncian os e as socialistas a obra, logo de estar parada durante meses, “retomouse fai unhas semanas, pero a nova a empresa que a asumiu decidiu abandonala, retirando a maquinaria e anulando varias das habitacións que tiña reservadas na vila para os seus traballadores”.

Dende o grupo municipal socialista afirman que os vianeses e as vianesas “non podemos seguir tolerando esta situación caótica e esperpéntica”, xa que tal e como apuntan “non podemos consentir que unha obra adxudicada fai 3 anos e cun prazo de finalización de 8 meses, atópese a día de hoxe sen rematar”. Asemade, tamén fan fincapé en que coa chegada do outono “as condicións meteorolóxicas non son as máis idóneas para este tipo de obras, polo que tememos que non se volvan retomar ata primavera, cos problemas que elo ocasiona á veciñanza que circula a diario pola mesma”.

O voceiro do PSdeG-PSOE en Viana do Bolo, Germán García-Ávila Arias, explica que esta “parálise” e “desidia” está causando grandes inconvenientes aos veciños e ás veciñas, xa que tal e como argumenta “a estrada atópase totalmente intransitable nos 8 quilómetros que restan por arranxar”. O edil socialista tamén subliña que o “malestar” entre a veciñanza “é notorio”, posto que segundo afirma “observaron que nos meses de verán, tempo no que se acometen este tipo de obras, a parálise das mesmas foi total, coincidindo ademais coa época na que moitas persoas regresan a Viana desfrutar das vacacións e atopáronse cunha estrada nun estado lamentable”.

García-Ávila Arias lembra que dende o PSOE de Viana do Bolo “levamos anos reclamando unha solución, cando xa en 2018 presentamos unha moción para a creación dunha comisión negociadora, ou cando máis adiante convocamos unha manifestación para facer presión ante a Deputación de Ourense e o concello, ante o estado calamitoso da estrada”. O voceiro socialista afirma que “non imos calar ante este despropósito, nin ante unha obra que leva 3 anos sen rematar e con preto de 300.000 euros municipais destinados ao proxecto e que a día de hoxe segue sen completarse”.

Os e as socialistas explican que no momento de asinar o contrato para o comezo das obras, a Deputación de Ourense esixiu que o concello depositara preto de 300.000 euros, a achega que lle correspondía, dun total de 1,2 millóns que supuña a actuación. Así mesmo, o ente provincial tamén esixiu ser quen xestionara a adxudicación e contratación das obras, sendo, por tanto, a responsable do resultado das mesmas. 3 anos despois da licitación e tras superar o prazo de execución de 8 meses dende o PSdeG-PSOE vianés subliñan que “a obra nin está rematada, nin confiamos que se remate e máis cando vemos que foron varias as empresas que iniciaron os traballos e que ao pouco tempo os abandonaron, motivo polo que esiximos explicacións tanto á Deputación como ao concello”.