O GRUPO PROVINCIAL SOCIALISTA DEMOSTRA AS “INEXACTITUDES” E “FALSIDADES” DO PP SOBRE A XESTIÓN DO PARQUE MÓBIL DA DEPUTACIÓN
“Para defenderse da nosa moción para unha maior fiscalización e racionalización no uso dos coches oficiais, o PP esgrimiu unha chea de medias verdades que non dan conta da realidade, quizais buscando encubrir á anterior administración”, sostén o deputado socialista Nacho Gómez
Nunha lexislatura na que o PP non goza de maioría absoluta e diante do calado das medidas a tratar, o voceiro do grupo provincial socialista, Álvaro Vila, anuncia que o grupo socialista pedirá a implantación do voto telemático na Deputación de Ourense, así como a ampliación dos supostos para a súa utilización
Ourense, 5 de outubro de 2023. O Grupo Provincial do PSdeG-PSOE na Deputación de Ourense arremeteu contra as “inexactitudes” e “falsidades” vertidas polo PP durante o pleno celebrado o pasado 29 de setembro para defenderse fronte á iniciativa socialista para unha maior fiscalización e racionalización no uso dos coches oficiais. “Os populares esgrimiron unha chea de medias verdades que non dan conta da auténtica realidade na utilización do parque móbil por parte dos cargos electos, quizais buscando encubrir á anterior administración”, afirmou Nacho Gómez, deputado socialista na cámara provincial. “Para colmo, continuou Gómez, o presidente Luís Menor chegou a dicir no pleno que aínda non nos deran motivos (para desconfiar dun mal uso dos vehículos), facendo borrón e conta nova do pasado e coma se non fixera falta un marco normativo sobre a cuestión para evitar excesos coma os do pasado”.
O regulamento foi a primeira das “falsidades” evocadas polos socialistas en rolda de prensa, xa que a voceira do PP, Patricia Torres, afirmou que existía un código de uso do parque móbil en vigor desde 2013. “Nós non atopamos por ningures, por moito que buscamos e por moito que temos solicitado por escrito que nolo deixen ver, a conclusión é que non existe regulamento algún aprobado e publicado”, denunciou Gómez. Doutra banda, os socialistas concederon a existencia dun prego de condicións para a instalación de dispositivos de seguimento GPS en certos utilitarios da Deputación, “se ben se trata dunha licitación para cambiar os dispositivos xa existentes, que funcionan desde hai tempo en vehículos de servizo e maquinaria, tal e como se amosa o Anexo I do prego, que contén a listaxe de unidades que serán obxecto de seguimento, esta non afecta aos coches de uso dos cargos públicos”, explicou Gómez.






Xunto coa falta de regulamento e a existencia dunha licitación en curso que non contempla o control dos coches para uso dos cargos públicos, os socialistas non deixaron de sinalar a non actualización da listaxe do parque móbil da Deputación desde 2019 e a imposibilidade de acceso aos movementos do coche presidencial, que a voceira popular tamén garantiu durante o pleno. Segundo o deputado socialista, “o buscamos, o pedimos por escrito, por conduto oficial, desde hai xa moitos meses, e o volvemos facer estes últimos días, pero nin se procedeu a poñer ao día a relación de vehículos oficiais da Deputación desde 2019 nin se rexistran as entradas e saídas dos coches de presidencia, non estando polo tanto esta información ao alcance da cidadanía, como foi aseverado porque o PP non dixo a verdade”. “Diante da gravidade do exposto e ao ser patente a intención dos grupos de oposición de sacar adiante medidas para un maior control e uso racional dos vehículos oficiais da Deputación, volveremos a presentar a moción”, concluíu Gómez.
Urxencia da implantación do voto telemático
Aínda contando co apoio de BNG e DO na moción para a fiscalización e uso racional do parque móbil da Deputación de Ourense, a iniciativa non saíu adiante pola ausencia de dous deputados destas formacións no momento do voto. “É inxusto que unha moción non sexa aprobada pola non asistencia dun representante electo, quen quizais non se atope na cámara nese momento por un motivo xustificado”, expuxo o voceiro socialista, Álvaro Vila. Segundo este, “nunha lexislatura na que por vez primeira o PP non conta con maioría absoluta, o cal implica unhas maiores doses de política e de negociación, non é de recibo que por mor de faltas puntuais as propostas socialistas e do resto de partidos de oposición non prendan”.
A iniciativa do grupo provincial socialista, a instauración do voto por escrito e do voto telemático, amais dos supostos para a súa utilización, foron aprobados en sesión ordinaria do pleno da Deputación de Ourense o 29 de decembro de 2013. “Porén, polo de agora tan só funciona o voto por escrito, non instaurándose o sufraxio telémático aínda hoxe, transcorridos xa dez anos desde a súa aprobación e a pesares de que en 2017 o Sr. Manuel Baltar gabábase de que a Deputación de Ourense era a primeira en dispoñer do sufraxio electrónico, se ben en 2023 é das poucas que aínda non o teñen implantado”, puxo de relevo Vila. Para Vila, “tamén avogamos por abrir un debate para unha eventual ampliación dos supostos nos que se permite o voto non presencial, xa que pensamos son moi limitados e pouco acaídos coas novas realidades”.

