concellos Denuncias

Os e as socialistas de Xinzo urxen ao concello a rematar coas pragas que afectan ao municipio

O PSDEG-PSOE DE XINZO DE LIMIA URXE AO CONCELLO A QUE PROCEDA DE FORMA “INMEDIATA” A DESINFECTAR E A ELIMINAR AS PRAGAS DE INSECTOS E RATAS QUE ABUNDAN NO MUNICIPIO

Os e as socialistas recolleron nestes días numerosas queixas da veciñanza neste senso, polo que decidiron dar traslado ao consistorio da situación para que proceda a unha desinfección “urxente”

Elvira Lama lémbralle ao concello que “ten asinado un contrato cunha empresa de servizos para a desratización e desinsectación das rúas e prazas do concello, así como das dependencias municipais”

Xinzo de Limia, 5 de outubro de 2023. O PSdeG-PSOE de Xinzo de Limia vén de dar traslado ao concello dunha solicitude para que procedan de forma “inmediata” a desinfectar e a eliminar as pragas de insectos que abundan nestes días no municipio. Os e as socialistas recolleron nestes últimos días numerosas queixas da veciñanza neste senso, polo que decidiron dar traslado ao goberno municipal da situación para que proceda a unha desinfección “urxente”.

Dende o grupo municipal socialista explican que como case tódolos anos, o aumento das temperaturas provoca que aparezan pragas e insectos “en lugares soterrados ou mal ventilados”. Dende o PSOE de Xinzo poñen como exemplo o caso do transformador soterrado na Praza Maior, xa que tal e como afirman “adoita ser un foco de insectos, que provoca que coa calor saian e se refuxien en domicilios e locais comerciais dos arredores”. Ante esta circunstancia, pídenlle ao concello que “desinfecte e desratice os puntos habituais nos que proliferan este tipo de pragas”.

A voceira do PSdeG-PSOE en Xinzo de Limia, Elvira Lama Fernández, explica que a veciñanza do casco vello, así como os propietarios e propietarias dos negocios da zona “están molestos pola presenza de insectos, que saen pola noite e entran nas casas e locais”. Ante esta situación, a edil socialista lémbralle ao concello que “ten asinado un contrato cunha empresa de servizos para a desratización e desinsectación das rúas e prazas do concello, así como das dependencias municipais”.

“A pesar dos traballos preventivos, hai que dar aviso para se fagan outras actuacións de desinsectación intensa, sempre e cando se produza a proliferación de insectos en puntos determinados e se proceda, con axilidade e eficacia, a erradicar estas pragas”, apunta Elvira Lama. A voceira socialista tamén sinala que o mesmo acontece cos roedores en distintos puntos do municipio, xa que tal e como afirma “coas tormentas saen das canles de saneamento polas reixas dos sumidoiros e percorren as rúas”.

O grupo municipal socialista xa rexistrou un escrito solicitando que se avise de xeito “inmediato” a empresa de servizos de control de pragas, para que se proceda a unha desinsectación na Praza Maior e nas rúas lindeiras, así como nos lugares nos que ven sendo habitual a presenta deste tipo de pragas. Asemade, tamén solicitan que se notifique a empresa, “a realización dunda desratización nos mesmos puntos e naqueles que fose necesario”.