O PSDEG-PSOE DA PEROXA CRITICA QUE A PRIMEIRA MOCIÓN QUE O PP LEVA A PLENO EN 12 ANOS NADA TEN QUE VER COS INTERESES E AS NECESIDADES DO MUNICIPIO E A VECIÑANZA
Os e as socialistas consideran “inadmisible” que se debata unha moción sobre a amnistía e a igualdade de tódolos españois, cando na Peroxa “a igualdade entre veciños e veciñas brilla pola súa ausencia”
A voceira do PSdeG-PSOE, Rocío Moreiras, fai fincapé en que este “é un tema completamente fóra de lugar nunha institución que é de todos e todas os veciños e veciñas da Peroxa” e acusa ao alcalde de “desviar a atención para tapar a súa nefasta xestión”
A Peroxa, 6 de outubro de 2023. O PSdeG-PSOE da Peroxa critica que o Partido Popular e o alcalde, Manuel Seoane, leven por primeira vez a pleno en 12 anos unha moción que nada ten que ver cos intereses e as necesidades do municipio e a veciñanza. Os e as socialistas consideran “inadmisible” que se debata en pleno unha moción sobre a amnistía e a igualdade de tódolos españois, cando na Peroxa “a igualdade entre veciños e veciñas brilla pola súa ausencia”.
Na sesión plenaria celebrada no día de hoxe tivo lugar o debate dunha moción presentada polos populares sobre a “amnistía aos condenados polo procés en Catalunya”. Unha situación que para os e as socialistas deixa en evidencia que os populares “só buscan a confrontación con temas partidistas, que só afectan ao seu propio partido e que teñen que ver coa investidura fallida do seu líder, Alberto Núñez Feijóo”.
A voceira do PSdeG-PSOE na Peroxa, Rocío Moreiras Pavón, fai fincapé en que este “é un tema completamente fóra de lugar nunha institución que é de todos e todas os veciños e veciñas da Peroxa”. A edil socialista denuncia que o alcalde “trata de desviar a atención cunha moción imposta por Manuel Baltar, co fin de ocultar a súa nefasta e pésima xestión ao fronte do concello”. Asemade tamén apunta a que “cos orzamentos de 2023 aínda sen aprobar sendo unha excepción a nivel nacional, a pesar da maioría absoluta que teñen no consistorio, prefiren traer esta moción, en lugar de elaborar un documento clave para o desenvolvemento do municipio”.
Moreiras Pavón destaca que “en máis de 12 anos foron incapaces de traballar na redacción de mocións nas que primase o interese da Peroxa e chegan hoxe cunha iniciativa que nada ten que ver co municipio”. Para a voceira socialista esta circunstancia pon de manifesto que ao alcalde “non lle interesan para nada os problemas cotiás do noso concello e en lugar de traballar polos intereses da veciñanza, prefire facer un copia e pega dunha moción a nivel nacional para contentar aos seus superiores”.
O PSdeG-PSOE da Peroxa votou en contra desta moción ao entender que “non afecta para nada ao noso concello” e pídenlle ao rexedor que “se poña a traballar dunha vez por todas polos intereses reais da Peroxa e por levar a cabo todas as obras e infraestruturas prometidas e polas que seguimos agardando a día de hoxe”.

