concellos Denuncias

Os e as socialistas de Pontedeva acusan ao alcalde de orquestrar unha trama de ocultación de información á oposición

O PSDEG-PSOE DE PONTEDEVA ACUSA AO ALCALDE DE ORQUESTRAR UNHA TRAMA CONSISTENTE NA “OCULTACIÓN” DE INFORMACIÓN Á OPOSICIÓN PARA IMPEDIR A SÚA LABOR “FISCALIZADORA”

Os socialistas subliñan que no concello a ausencia de transparencia é “total” e critican que o alcalde se negue a responder algunhas das numerosas preguntas presentadas polos socialistas nos plenos

O voceiro do PSdeG-PSOE, Antonio Vázquez Ferreira, acusa ao rexedor de “proceder coma unha ditador nato dende o ano 2007” e pon de manifesto que a “deixadez do equipo de goberno é absoluta, amosando unha falta total de humildade e transparencia”

Pontedeva, 6 de outubro de 2023. O PSdeG-PSOE de Pontedeva acusa ao alcalde do Partido Popular, Juan Carlos González Carbajales, de orquestrar unha trama consistente na “ocultación” de información á oposición, co único fin de que non poida realizar a súa labor “fiscalizadora” do goberno municipal. Os e as socialistas subliñan que no concello a ausencia de transparencia é “total” e critican que o alcalde se negue a responder algunhas das numerosas preguntas presentadas polos socialistas nos plenos.

Dende o grupo municipal socialista reiteran que no pleno municipal celebrado esta semana, 8 días fóra do prazo acordado e disposto no pleno de organización, “atopámonos con que na convocatoria do pleno, non viñan reflexadas na acta do pleno anterior as contestacións do alcalde as preguntas realizadas polo PSOE”. Unha situación que en palabras dos e das socialistas “é inadmisible en democracia”. Asemade, tamén reiteran que o pleno “foi convocado gracias a un escrito de protesta do noso grupo político, xa que o alcalde non tiña intención algunha de celebralo”.

O voceiro do PSdeG-PSOE en Pontedeva, Antonio Vázquez Ferreira, subliña que o modus operandi do alcalde “é irse pola tanxente a hora de contestar as preguntas, sen aclarar nada na maioría delas e sen contestar algunhas”. O edil socialista sinala que nas actas plenarias “recóllense as preguntas dos socialistas, pero non as respostas do equipo de goberno, o que amosa que o alcalde non ten intención de que todo quede correctamente reflexado por escrito”.

Vázquez Ferreira acusa ao rexedor de “proceder coma unha ditador nato dende o ano 2007” e pon de manifesto que a “deixadez do equipo de goberno é absoluta, amosando unha falta total de humildade”. O voceiro socialista tamén denuncia que ante a falla de resposta as preguntas do PSOE, o alcalde deixa de manifesto que “está furtando a democracia no consistorio, ao non permitir que a veciñanza e a oposición teñan acceso a información de vital interese para Pontedeva”.

O PSdeG-PSOE de Pontedeva lembra tamén que a situación económica do concello “é pésima” e acusa ao rexedor de “estar detrás dos problemas económicos”, xa que tal e como apuntan “o alcalde fai e desfai ao seu gusto a hora de realizar arranxos e reformas, sen ningún tipo de organización, nin contratos”. Neste senso afirman que “en lugar de realizar un contrato, o rexedor prefire contratar a dedo directamente, a pesar dos reparos postos pola secretaría”.

Os e as socialistas aproveitaron o pleno para desmontar as “escusas de mal pagador” do alcalde, quen alegaba o retraso do pleno “na carga administrativa que soporta o concello”. Unha explicación que para os e as socialistas “é absurda, xa que os plenos están contemplados en día e hora e unha vez finalizado unha sesión, xa se sabe que a seguinte será en dous meses, tempo suficiente para preparar a documentación”.