O PSDEG-PSOE DE PEREIRO DE AGUIAR CRITICA QUE O GOBERNO MUNICIPAL PRETENDA ASUMIR COMO PROPIAS O CUSTO DAS SANCIÓNS DA CHMS A SAN CIBRAO POR VERTIDOS NA EDAR
Os e as socialistas consideran “inadmisible” que Pereiro de Aguiar “teña que asumir as responsabilidades e posibles multas polo que acontece en San Cibrao das Viñas”
A voceira do PSOE, Luisa Bravo, alerta que “en caso de responsabilidades penais, o noso concello respondería solidariamente como titular do vertido xunto ao concello de San Cibrao, aínda que ese suposto vertido non se dese no noso territorio”
Pereiro de Aguiar, 26 de outubro de 2023. O PSdeG-PSOE de Pereiro de Aguiar critica que o goberno municipal do PP pretenda asumir como propias o custo das sancións que a Confederación Hidrográfica Miño-Sil impón ao concello de San Cibrao por vertidos na estación de augas residuais. Os e as socialistas consideran “inadmisible” que Pereiro de Aguiar “teña que asumir as responsabilidades e posibles multas polo que acontece en San Cibrao das Viñas”.
No pleno municipal celebrado no día de onte o grupo municipal socialista votou en contra da aprobación do convenio de colaboración económica entre o concello de San Cibrao e o concello de Pereiro de Aguiar en relación a EDAR de San Cibrao das Viñas. Tamén se amosaron en contra da modificación de crédito, que entre outras partidas, incluía 100.000 euros para o pago dunha multa da CHMS por vertidos da EDAR de San Cibrao.
A voceira do PSdeG-PSOE en Pereiro, Luisa Bravo del Caño, sinala que a postura dos e das socialistas ven argumentada “porque entendemos que o noso concello non ten porque asumir o custo das sancións que a CHMS impón ao concello de San Cibrao por vertidos”. A edil socialista tamén alerta que “en caso de responsabilidades penais, o noso concello respondería solidariamente como titular do vertido xunto ao concello de San Cibrao, aínda que ese suposto vertido non se dese no noso territorio”.
Bravo del Caño lembra que “xa no seu día votamos en contra de que se constituíse unha comunidade entre ambos concellos”, xa que tal e como apunta “consideramos, e así o pedimos, que para solucionar os problemas derivados da EDAR de San Cibrao é necesario a constitución dunha mancomunidade da que formen parte outras administracións competentes como son a Deputación de Ourense, a Xunta de Galicia ou a CHMS”. A voceira socialista considera que “é necesario ampliar e mellorar a EDAR e non estar a poñer parches que só repercuten na veciñanza”.
O PSOE do Pereiro de Aguiar en contra da subida da tarifa da auga
Os e as socialistas de Pereiro tamén amosaron a súa desconformidade coa subida da tarifa da auga, alegando que “este servizo público esencial para a veciñanza non se está xestionando de forma correcta”. Neste senso tamén lembraron que xa no seu día “votamos en contra da privatización do servizo porque considerábamos que non era apropiado”. Tal e como apuntan dende o PSOE “na actualidade hai unha diferencia do 70% entre o prezo de compra alta pola empresa concesionaria e a tarifa da auga dos usuarios e usuarias, ademais dunha perda do 40% en relación coa auga que compramos e a que realmente se consume”.
Luisa Bravo sinala que dende o 2008 “levamos presentadas multitude de iniciativas nas que avogamos por unha xestión máis eficaz e eficiente do servizo integral da auga”. Tal e como apunta a voceira socialista “consideramos que é necesaria unha visión e consideración de conxunto dende a súa captación para a depuración das augas residuais xeradas e reemprego, tendo en conta o incremento da poboación do municipio, a ampliación do parque empresarial e o futuro parque acuático”.

