O PSDEG-PSOE DE OURENSE SACA ADIANTE UNHA MOCIÓN PARA INSTAR Á XUNTA Á EXECUCIÓN COMPLETA E INTEGRAL DA CONEXIÓN ENTRE O POLÍGONO DE SAN CIBRAO E O PARQUE TECNOLÓXICO COA AUTOVÍA A-52
Co voto favorable do resto de formacións, o Grupo Provincial Socialista sacou adiante unha moción para instar á Xunta á “execución completa e integral” dos tramos que restan na Ronda Leste A52-A76 para a mellora da conexión entre o Polígono Industrial de San Cibrao e o Parque Tecnolóxico coa autovía das Rías Baixas
Ourense, 27 de outubro de 2023. Co voto favorable do resto de formacións, o Grupo Provincial Socialista sacou adiante unha moción para instar á Xunta á “execución completa e integral” dos tramos que restan na Ronda Leste A52-A76 para a mellora da conexión entre o Polígono Industrial de San Cibrao e o Parque Tecnolóxico coa autovía das Rías Baixas. Tal e como subliñou o voceiro socialista, Álvaro Vila, “o que se fixo foi unha falsa conexión entre os polígonos e a autovía, que non supuxo melloras cuantitativas nin cualitativas na competitividade das empresas e a mobilidade dos empregados e visitantes da área industrial”. “Como resultado desta actuación incompleta, proseguiu Vila, non se puxo fin á histórica marxinación do Polígono de San Cibrao que carece dunha vía de alta capacidade de acceso directo ata aos seus 4 millóns de metros cadrados de superficie desde a autovía das Rías Baixas”.
Para o Grupo Provincial Socialista o desleixo do proxecto da Ronda Leste A52-A76 representa “un novo exemplo de desidia da Xunta de Galicia en Ourense”, representando un “agravio comparativo” con respecto a outras partes do territorio. A paralizada Ronda Leste A52-A76 forma parte do “plan sectorial da rede viaria de Ourense e a súa área de influencia”, que foi aprobado polo goberno autonómico en 2013, sendo presidente Alberto Núñez Feijóo. Os tramos restantes do proxecto, que son os que circunvalan o Polígono de San Cibrao e o Parque Tecnolóxico de Galicia creando os novos accesos, están parados desde hai moitos meses. “A nosa iniciativa, que recibiu o apoio do resto de grupos, non fai senón recoller os laios de empresas, transportistas e traballadores que reivindican a reactivación do proxecto da Xunta a prol dunha conexión real”, salientou Vila.

