OS E AS SOCIALISTAS DO CONCELLO DE OURENSE DENUNCIAN A ANOMALÍA DEMOCRÁTICA PROVOCADA POLO ALCALDE E A MORDAZA QUE EXERCE COS PORTAVOCES DA OPOSICIÓN E O INTERVENTOR
“Estamos a falar de saltarse sistemáticamente as diferentes normativas que regulan o funcionamento e o desenvolvemento das sesións”, incidiu o edil José Ángel Vázquez Barquero
Tamén lamentou o comportamento do PP que actúa “como cómplice interesado do abuso de autoridade do rexedor” logo de ver como no pleno extraordinario volveu a impedir que falase o interventor
Ourense, 27 de outubro de 2023. Logo do acontecido no pleno extraordinario de onte no Concello de Ourense, o edil do grupo municipal socialista José Ángel Vázquez Barquero advertíu que o alcalde, Gonzalo Pérez Jácome, continúa menosprezando o Regulamento Orgánico de Goberno e Organización e provocando “unha situación límite que non se sotén máis tempo”.
“Estamos a falar de saltarse sistemáticamente as diferentes normativas que regulan o funcionamento e o desenvolvemento das sesións. Pero, sobre todo, de que se producen importantes abusos de autoridade por parte do rexedor da cidade. E iso é un delito”, subliñou o concelleiro do PSdeG. E engadiu que continúan vulnerándose os dereitos das e dos representantes da cidadanía elexidos democráticamente para defender os intereses dos veciños e veciñas de Ourense.
Nesta liña, lembrou que tampouco se pode entorpecer o control que os grupos da oposición deben levar a cabo sobre a acción do goberno local. “Esta situación de mordaza non só a padecen os portavoces do PSOE ou o BNG, senón tamén os funcionarios e máis concretamente o interventor municipal”, incidiu o edil nunha rolda de prensa ofrecida aos medios de comunicación esta mañá.
Así as cousas, criticou que no salón de plenos se dea unha “estratexia para lucrarse” na que o executivo de Jácome presenta modificacións de crédito continuamente que “en gran medida benefician os intereses personais e particulares” do alcalde e o seu equipo. “Por iso está tan nervioso e perde os papeis cando se abordan as cuestións relacionadas co orzamento ou novas contratacións”, destacou Vázquez Barquero.
Tamén lamentou o caos nas actuacións do Partido Popular e que se poña de perfil ante a deriva democrática que se vive na que é a casa de toda a cidadanía. “Compórtanse como cómplices interesados do abuso de autoridade do rexedor”, sostivo e engadiu que o grupo municipal socialista bota en falta o amparo do poder xudicial.
“Que máis fai falla para que se poña freo e se supere a situación que nestes momentos estamos a vivir no Concello de Ourense?”, preguntouse e respondeu a cuestións dos xornalistas que se está a estudar como adoptar as medidas necesarias para porlle fin á anormalidade democrática.

