Concello de Ourense Memoria Democrática

Homenaxearemos ás vítimas da Guerra Civil e o franquismo

A EXECUTIVA LOCAL DO PSDEG-PSOE DE OURENSE ORGANIZA UN ACTO HOMENAXE ÁS VÍTIMAS DA GUERRA CIVIL E O FRANQUISMO E UNHA OFRENDA FLORAL NO CEMITERIO DE SAN FRANCISCO

“É un día para o reencontro, para a reconciliación e para celebrar a democracia que somos todos e todas”, aclara Xosé Lois Carrión, secretario de memoria da agrupación municipal

As e os socialistas queren, deste xeito, recordar que o 31 de outubro é o día do recordo e homenaxe ás vítimas do golpe militar, a guerra e a ditadura franquista, segundo establece a Lei de Memoria Democrática

Ourense, 29 de outubro de 2023. A Executiva local do PSdeG-PSOE da cidade de Ourense, xunto coas Xuventudes Socialistas, organiza un acto de homenaxe para lembrar ás vítimas do franquismo na praza da República –antigo Campo de Aragón– o vindeiro martes 31 de outubro ás 11.00 horas.

Asistirán ao mesmo militantes e simpatizantes, así como o subdelegado do Goberno en Ourense, Emilio González; a secretaria xeral do partido na cidade, Natalia González; e o secretario de memoria democrática Xosé Lois Carrión.

Ao remate do acto levarase a cabo unha ofrenda floral no cemiterio de San Francisco, onde se atopa o monumento que lembra a máis dun cento de persoas fusiladas por parte dos golpistas no paredón –espazo que se situaba entre os edificios da Biblioteca Nós, o novo Arquivo Histórico, o antigo convento de San Francisco e o edificio municipal de Artes Escénicas–.

A agrupación municipal quere, deste xeito, recordar que o 31 de outubro é o día do recordo e homenaxe ás vítimas do golpe militar, a guerra e a ditadura franquista, segundo establece a Lei de Memoria Democrática. “É un día para o reencontro, para a reconciliación e para celebrar a democracia que somos todos e todas”, aclara Xosé Lois Carrión.