Concello de Ourense INICIATIVAS PATRIMONIO

Esixiremos obras integrais nos camposantos da cidade de Ourense cunha moción no pleno ordinario de novembro

O GRUPO MUNICIPAL SOCIALISTA DEFENDERÁ UNHA MOCIÓN PARA INSTAR AO GOBERNO DE JÁCOME A REALIZAR OBRAS INTEGRAIS NOS CAMPOSANTOS OURENSÁNS E PARA POÑER EN VALOR O DE SAN FRANCISCO

Os e as socialistas critican o anuncio do alcalde, a semana pasada, sobre a partida orzamentaria aprobada pola Xunta de Goberno Local do Concello de Ourense na que só se destinan 48.500 euros para cemiterios por resultar insuficiente para as necesidades que presentan

Tamén se reclamapoñer en valor o patrimonio artístico e cultural deste último mediante a promoción de visitas guiadas e a elaboración de material específico que recolla a relevancia das figuras célebres que alí repousan

Ourense, 30 de outubro de 2023. Co obxectivo de que as condicións dos cemiterios de titularidade municipal sexan as mellores para familiares que visitan sepulturas e traballadores e traballadoras que as manteñen en bo estado, o grupo socialista defenderá no vindeiro pleno ordinario de novembro unha moción que inste ao goberno de Jácome a realizar melloras naqueles que teñen titularidade municipal.

Así as cousas, os e as socialistas critican o anuncio do alcalde, a semana pasada, sobre a partida orzamentaria aprobada pola Xunta de Goberno Local do Concello de Ourense na que só se destinan 48.500 euros para cemiterios. Unha cantidade que, atendendo só ás necesidades do de San Francisco, non chegan para cubrir as necesidades destes espazos.

No acordo, que se someterá á votación da corporación, recóllense tres puntos entre os que se atopa o de pedir que se restauren as zonas degradadas dos camposantos para que as familias, os e as turistas e os e as empregadas que se encargan do seu mantemento poidan facelo en condicións dignas e que non supoñan un perigo para a súa integridade. No de San Francisco en concreto as fochancas invaden todos os sendeiros para transitar entre as tumbas.

Tamén se reclama poñer en valor o patrimonio artístico e cultural deste últimomediante a promoción de visitas guiadas e a elaboración de material específico que recolla a relevancia das figuras célebres que alí repousan, nun formato accesible a todos os públicos e que se distribúa aos visitantes na oficina de turismo municipal.

“Como acontece noutras cidades europeas, como París, o grupo municipal socialista considera que un dos puntos turísticos de maior atracción de Ourense podería residir nunha mellor e máis ampla promoción do camposanto de San Francisco, incrementando deste xeito tanto a oferta cultural como o número de visitantes que se acheguen cada ano”, sinalan na iniciativa xa rexistrada.

Nesta liña, o terceiro punto do acordo fai referencia a que o camposanto de San Francisco continúe na Asociación Europea de Cemiterios Singulares para situar a historia da cidade de As Burgas no mapa de urbes con atractivo turístico neste eido. Trátase do único con categoría de BIC da provincia e pertence a esta rede internacional dende o ano 2015, por iniciativa do PSdeG-PSOE.