concellos Denuncias

O peche do balneario de Lobios supón un prexuízo incalculable para a economía, o turismo e a veciñanza

O PSDEG-PSOE ALERTA QUE O PECHE DO BALNEARIO DE LOBIOS ATA MARZO, CON CENTOS DE CHAMADAS PARA RESERVAR PRAZA NAS ÚLTIMAS SEMANAS, SUPÓN UN PREXUÍZO “INCALCULABLE” PARA A ECONOMÍA, O TURISMO E A VECIÑANZA DE LOBIOS

Os e as socialistas manifestan que a decisión levada a cabo por Caldaria provoca “nefastas” consecuencias no municipio e esixen solucións a Concello e Deputación para que “busquen fórmulas que eviten o peche que ano tras ano se produce no balneario”

Patrick Rodríguez considera que esta situación deixa en evidencia que a alcaldesa “non ten iniciativa e prefire mirar para outro lado, negándose a loitar polos intereses económicos e sociais da veciñanza, dos traballadores e polo futuro do municipio”

Lobios, 13 de novembro de 2023. O PSdeG-PSOE de Lobios alerta que o peche do hotel-balneario de Lobios, levado a cabo no día de onte, e que se prolongará ata ben entrado o mes de marzo, suporá un “grave” prexuízo para a economía local e para o municipio. Os e as socialistas critican a decisión de adiantar o peche ao mes de novembro, cando segundo afirman “non cesan as chamadas de persoas para reservar prazas tanto no balneario como noutros negocios hoteleiros do concello”.

Dende a Agrupación Socialista de Lobios manifestan que a decisión levada a cabo por Caldaria, a cadea de hoteis balnearios da Fundación San Rosendo que xestiona esta concesión, provoca “nefastas” consecuencias no municipio. Por un lado poñen o foco nos traballadores e traballadoras, con contratos fixos indefinidos que durante o peche “terán que desprazarse ao balneario de Laias, tendo que facer centos de quilómetros diariamente, ao que se suma o gasto en combustible”. Neste senso tamén relatan que a decisión “supón que, un ano máis, os empregados e empregadas teñan problemas para conciliar a vida laboral e familiar”. Ademais os traballadores e traballadoras fixos descontinuos, a gran maioría, “terán que optar polo paro nestes meses, co que lle supón para os seus petos, xa que cobrarán moito menos”.

Dende o PSOE en Lobios consideran que este peche “supón un grave prexuízo económico e social para o municipio e a súa contorna”, xa que tal e como apuntan “o peche do balneario, supón tamén o peche da actividade turística e o cese da chegada de visitantes que gastan os seus cartos e fan vida en Lobios”. Ante esta situación, os e as socialistas esíxenlle ao concello e a Deputación de Ourense que “se poñan a traballar para buscar fórmulas que eviten este peche que ano tras ano se da no balneario e que provoca prexuízos incalculables para Lobios”.

O concelleiro e secretario de organización do PSdeG-PSOE de Lobios, Patrick Rodríguez, considera que o peche do hotel-balneario de Río Caldo “pon de manifesto a ausencia de iniciativa por parte da alcaldesa, María del Carmen Yáñez”, xa que tal e como subliña “prefire mirar para outro lado, namentres pecha o principal motor turístico e económico da vila, que buscar alternativas para evitar o peche”. O edil socialista tamén pon o foco en que o peche desta vez “agrávase, xa que se adianta o cese de actividade practicamente a un mes antes e prolongarase máis que outros anos, provocando que o prexuízo sexa aínda máis longo”.

“A alcaldesa de Lobios está instaurada no desleixo e o abandono a vila e non representa á veciñanza, pos négase a dar a cara e a loitar polos intereses dos veciños e veciñas que traballan no balneario, nin tampouco polo beneficio económico e social que lle supón o resto da veciñanza o complexo termal”, afirma Patrick Rodríguez. O concelleiro socialista tamén desmonta os argumentos de que “non hai demanda nestes meses”, xa que segundo explica “nas últimas semanas, ducias e ducias de persoas chamaron para facer reservas en próximas datas, pero atopáronse coa negativa do balneario debido o cese de actividade”. Neste senso apunta a que “nas últimas semanas o balneario estivo cheo, incluso outros negocios hostaleiros e hoteleiros da vila viron incrementada a súa demanda de servizos pola chegada de centos de turistas a Lobios”. Ante esta situación Rodríguez afirma que “estamos ante un peche totalmente inxustificado”.

Os e as socialistas consideran “indispensable” sentarse a falar e dialogar coa empresa, co obxectivo de “atopar unha solución a estes peches intermitentes que tanto mal provocan”, ademais de “facer cumprir as cláusulas e acordos do convenio asinado polo Concello e a Fundación hai xa 20 anos”. Lembran que foi o PP de Lobios, co seu ex-alcalde, Benito Vázquez, á cabeza os que “lle regalaron tan prezado recurso termal e natural a empresa privada, deixando de lado os intereses público e colectivo de Lobios, algo que quedou demostrado co paso do tempo”.

A Agrupación Socialista de Lobios considera que esta cesión, á devandita entidade privada, supuxo que “todo fora de mal en peor para os intereses públicos de Lobios, comezando por perder o dominio sobre os mananciais termais e os terreos onde está situada a piscina exterior”.

Críticas o cinismo da alcaldesa

O PSdeG-PSOE de Lobios tamén critica o “cinismo” da alcaldesa e o seu equipo de goberno, ao publicar nas redes sociais do concello de Lobios unha mensaxe na que falan de “impulsar” o termalismo, trala reunión na Deputación da chamada mesa termal, o mesmo día que pechan o balneario. Os e as socialistas apuntan a que “é indignante que se vendan as bondades do termalismo, cando a alcaldesa e o Partido Popular danlle as costas o mesmo, co peche do balneario e privando a Lobios e a contorna dun dos seus principais motores económicos”.