O PSDEG-PSOE DE VIANA DO BOLO AVOGA POLA CREACIÓN DUNHA COMISIÓN PARA A ORGANIZACIÓN DAS FESTAS PATRONAIS QUE PERMITA MELLORAR A XESTIÓN DAS MESMAS E REDUCIR OS CUSTES QUE ESTAS LLE SUPOÑEN AS ARCAS MUNICIPAIS
Os e as socialistas instan ao concello a reunirse con hostalería, comercios e industrias para a creación desta comisión, na que pide que se acorden uns importes asumibles polos negocios
Germán García-Ávila pon o foco sobre o custe económico, xa que tal e como afirma “teno que asumir, practicamente na súa totalidade, o concello, chegando a pagar incluso 80.000 euros nas últimas festas e recadando da veciñanza o ridículo importe de 2.000 euros”
Viana do Bolo, 13 de novembro de 2023. O PSdeG-PSOE defenderá unha moción no vindeiro pleno municipal na que insta ao concello a reunirse cos negocios hostaleiros, comercio e industrias para a creación dunha comisión de festas que se faga cargo dos festexos patronais. Os e as socialistas piden que nesta reunión se acorden importes, que se consideren razoables e asumibles polos negocios, como aportación para as festas patronais.
Dende o Grupo Municipal Socialista sinalan que a organización e os custes das festas patronais “non pode recaer só no Concello, xa que non representan só unhas xornadas lúdicas, senón que son tamén un pulo de atracción de xente e un motor económico moi importante para todo tipo de negocios”. Os e as socialistas solicitan que se de traslado da proposta da incorporación á comisión de festas dun integrante do equipo de goberno para “visibilizar” o apoio e respaldo do concello a súa xestión.
Nos puntos de acordo da moción os e as socialistas apuntan a que o coste asumido polo concello polas festas deste verán “non pode cronificarse ano tras ano”. Tamén apuntan a que unha comisión “pode axudar a que a veciñanza amose maior vontade de colaborar economicamente e de achegar ideas para reducir, de maneira significativa, o custe ás arcas municipais e permitir un aforro que poida beneficiar a todos os núcleos de poboación de Viana, xa que o concello poderá axudar economicamente a tódalas aldeas na organización das festas”. Unha proposta que tal e como sinalan dende o PSOE vianés “xa lla fixemos chegar aos diferentes grupos de goberno” e apuntan tamén que “o que non se recade para facer fronte aos gastos das festas, correrá, obviamente, a cargo do concello”.
“Tanto nesta lexislatura como nas pasadas de gobernos do PP e o BNG, sempre houbo problemas a hora de organizar as festas patronais, as veces pola demora no comezo da xestión, o que encarece e dificulta as contratacións de orquestras e grupos musicais”, explica o voceiro do PSdeG-PSOE, Germán García-Ávila Arias. Neste senso, o edil socialista tamén pon o foco sobre o custe económico, xa que tal e como afirma “teno que asumir, practicamente na súa totalidade, o concello, chegando a pagar incluso 80.000 euros nas últimas festas e recadando da veciñanza o ridículo importe de 2.000 euros”.
García-Ávila Arias considera que tanto PP como BNG “non foron quen de fixar unha cuota voluntaria e negociada, nin de xestionar o cobro da mesma aos diferentes negocios e industrias, como tampouco de pedir unha achega voluntaria á veciñanza para costear as festas patronais”. O voceiro socialista considera que ante a “nefasta” xestión da organización das festas patronais e o “elevado” custe que supón para as arcas municipais, os e as socialistas “apostamos por unha organización diferente, na que se prime a rapidez na contratación e unha mellor xestión no cobro das achegas por parte dos negocios, industrias e particulares”.

