Executiva Provincial de Ourense POLÍTICA PROVINCIAL

Amosamos o noso «total» apoio a alcaldesa de Castro Caldelas ante as mentiras, as manipulacións e o trileirismo do PP

O PSDEG-PSOE DE OURENSE ACUSA A RUEDA E Ó PP DE SER UNS “TRILEIROS PROFESIONAIS” E AMOSAN O SEU “TOTAL” APOIO A ALCALDESA DE CASTRO CALDELAS, SARA INÉS VEGA, ANTE A SARTA DE “MENTIRAS” E “MANIPULACIÓNS” VERTIDAS POLOS POPULARES

Os e as socialistas lembran que “falta unha semana para a celebración das eleccións municipais en Castro Caldelas, nas que a campaña electoral foi suspendida, polo que a presenza do autobús do PP, co presidente Alfonso Rueda invitando a cañas, é un acto puramente electoralista”

Esíxenlle ao PP “xogo limpo” e denuncian que ter ao Partido Popular por Castro Caldelas “invitando a cañas, montando carpas e facendo propaganda é unha mostra máis de que os populares seguen instaurados no caciquismo e clientelismo e non respectan as reglas de xogo»

Ourense, 18 de novembro de 2023. O PSdeG-PSOE de Ourense acusa ao Partido Popular e a Alfonso Rueda de ser uns “trileiros profesionais” e de estar instaurados na busca continua da “confrontación”, sementando entre a cidadanía “o odio e a controversia” co único obxectivo de sacar “rédito electoral”. Os e as socialistas ourensás amosan o seu “total” apoio a alcaldesa de Castro Caldelas, Sara Inés Vega, e defenden a xestión da rexedora.

Dende o PSdeG-PSOE de Ourense destacan que a presenza do autobús de Alfonso Rueda mañá en Castro Caldelas “está totalmente fóra de lugar”, xa que tal e como lembran “falta unha semana para a celebración das eleccións municipais”, despois de que foran anuladas tras romperse a cadea de custodia dos votos por correo. Os e as socialistas argumentan que a presenza da comitiva do PP “é un acto puramente electoralista, co que buscan rascar votos, a pesar de que a xunta electoral decidiu que non se celebrase campaña electoral nestes comicios”.

Os e as socialistas esíxenlle aos populares “xogo limpo” e denuncian que ter ao Partido Popular por Castro Caldelas “invitando a cañas, montando carpas e facendo propaganda é unha mostra máis de que os populares seguen instaurados no caciquismo e clientelismo, co único obxectivo de mercar votos”. Dende o PSOE ourensán lamentan que o PP “non sexa quen de acatar as normas e decisións e que opte por xogos trileiristas, tentando camuflar un acto claramente electoralista como unha simple visita para conversar coa veciñanza”.

“O PP está cada vez máis nervioso e como proba temos os ataques vertidos contra Sara Inés Vega no día de onte, cunha sarta chea de mentiras e manipulacións, que só buscan tapar as vergoñas dos populares e desviar atención”, salientan dende a Executiva Provincial do PSdeG-PSOE de Ourense.

Comisión Executiva Provincial

O PSdeG-PSOE celebrou esta mañá a súa Comisión Executiva Provincial, precisamente en Castro Caldelas, onde aproveitaron a reunión orgánica, exclusivamente con cargos do partido, para facer unha valoración dos primeiros 5 meses de mandato dos gobernos locais da provincia e tamén comezaron a trazas as liñas de traballo de cara as eleccións municipais que se celebrarán o vindeiro ano.

A Executiva Provincial segue coa súa aposta de celebrar as súas comisións polos diferentes municipios da provincia e desta vez os membros da mesma  desprazáronse ata Castro Caldelas. No municipio ourensán, os e as socialistas  puxeron en valor a labor “encomiable” da actual alcaldesa, Sara Inés Vega, e  fixeron fincapé en que Castro Caldelas “é un dos faros do bo facer do  municipalismo socialista na provincia, un exemplo claro de que cando se aposta por traballar a prol da veciñanza, os concellos avanzan en lugar de retroceder”.

Dende o PSdeG-PSOE de Ourense aproveitaron tamén para resaltar que o  socialismo ourensán “conta con persoas moi competentes, leais e traballadoras  e como proba disto temos aos nosos alcaldes e alcaldesas, referentes do  municipalismo a nivel nacional, autonómico e provincial”. Os e as socialistas  destacaron que a Executiva Provincial “é a viva mostra de que as persoas que a  conforman, traballan a diario a prol dos seus veciños e veciñas”.

Trala reunión, os e as socialistas aproveitaron tamén para destacar que esta reunión “é un tema orgánico do partido, no que tan só están presentes os cargos orgánicos da Executiva Provincial e no que non hai ningún tipo de inxerencia ou interacción coa veciñanza, posto que o acceso é exclusivo aos membros da Executiva”.