O PP OPONSE A EXECUTAR OS FONDOS DO PLAN ESTATAL DE VIVENDA ASIGNADOS A GALICIA
Eduardo Ojea Lembra que Galicia dispón de 82 millóns de euros do Plan, 14,3 deles para o ano 2023, que non están incluídos na oferta do IGVS
Santiago de Compostela, 17 de novembro de 2023. O portavoz de Vivenda do Grupo Socialista, Eduardo Ojea, lamentou hoxe o voto en contra do PP á proposta do PSdeG para pedirlle á Xunta que poña en marcha os programas recollidos no Plan Estatal de Vivenda cos fondos asignados a Galicia. Ojea lembrou que Galicia dispón dun total de 82 millóns de euros para executar durante a duración deste Plan, entre 2022 e 2025, 14,3 deles só para este ano.
O responsable sinalou que os programas incluídos no dito Plan “non forman parte da oferta do IGVS para ampliar as axudas aos galegos e galegas”. Explicou que o Plan está deseñado para facilitar o acceso á vivenda mediante axudas ao alugueiro para os cidadáns máis vulnerables, aumentar o parque público de vivenda, así como da vivenda en alugueiro máis asequible ou de carácter social, sinaladamente nas contornas rurais.
Criticou o desleixo do goberno galego en materia de vivenda pública malia a suba dos prezos dos alugueiros, que só durante 2023 aumentaron un 6 por cento no conxunto de Galicia, e un 11,6 por cento no último ano e medio. Esta falta de vivenda dispoñible para alugueiro ten lugar tanto nas zonas urbanas como rurais logo de anos de desleixo por parte do goberno galego.
Lembrou que ata o ano 2009 Galicia tiña construídas 3.000 novas vivendas protexidas cada ano, unha cifra que quedou practicamente a cero logo da chegada de Feijóo e Rueda á Xunta de Galicia, con varios anos nos que se construíron menos de 10 vivendas, e ata seis anos completos sen que fora promovida unha soa vivenda protexida para o seu alugueiro.
Ojea reclamoulle á Xunta que mude a política de vivenda seguindo o camiño trazado polo Goberno central grazas á nova Lei de Vivenda, que “desenvolve o dereito constitucional a unha vivenda digna e axeitada”. Trátase, explicou, dun “paso adiante na garantía do dereito a unha vivenda”, que recoñece a súa función social e a identifica como un ben de interese xeral.

