O PSDEG-PSOE DE OURENSE ACUSA AO LÍDER DO PP, ALFONSO RUEDA DE ACUDIR A CASTRO CALDELAS A FACER ELECTORALISMO A UNHA SEMANA DOS COMICIOS MUNICIPAIS, A PESAR DE QUE A CAMPAÑA ELECTORAL ESTÁ EXPRESAMENTE PROHIBIDA
Os populares congregáronse nunha centrica praza da vila convidando a viño os aló presentes, situación que en palabras dos e das socialistas “é puro electoralismo”
Os e as socialistas consideran que este acto “electoralista”, que o PP tentou camuflar como unha simple visita pon de manifesto que os populares “seguen instaurados nas vellas políticas clientelares, tratando de rascar votos a cambio de viños”
Ourense, 19 de novembro de 2023. O PSdeG-PSOE de Ourense denuncia que o presidente da Xunta de Galicia e líder do Partido Popular, Alfonso Rueda, acudiu este mediodía a Castro Caldelas co obxectivo de “promover” ao candidato popular as eleccións municipais que se celebrarán o vindeiro domingo. Os populares congregáronse nunha céntrica praza da vila convidando a viño aos aló presentes, algo que en palabras dos e das socialistas “é puro electoralismo”.
Dende o PSOE ourensán lembran que a campaña electoral foi suspendida, polo que afirman que este acto orquestrado polos populares “está completamente fóra de lugar”. Os e as socialistas consideran que este acto “electoralista”, que o PP tentou camuflar como unha simple visita pon de manifesto que os populares “seguen instaurados nas vellas políticas clientelares, tratando de rascar votos a cambio de viños”.
Rueda estivo acompañado nesta visita por un amplo séquito de cargos do PP entre os que se atopaban o presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor; o alcalde de San Xoán de Río e deputado provincia, Xosé Miguel Pérez Blecua; ou a secretaria xeral do PP, Paula Prado; ademais de polo candidato popular, César Enríquez Diéguez.





Ata o lugar desprazouse a actual alcaldesa e candidata socialista, Sara Inés Vega Núñez, que estivo respaldada polos seus compañeiros, así como polo secretario provincial, Rafael Rodríguez Villarino. A rexedora aproveitou a chegada de Rueda para afearlle que “sexa a primeira vez que vén a Castro Caldelas e que non o fixera nunha das múltiples ocasións que o convidei, como aconteceu na Feira do Gando de setembro”. Rueda nese momento respondeu que “se me vas falar de política, alcaldesa, entón non”, ao que Sara Inés Vega lle contestou que “e logo este acto que é? É un acto de trileiros políticos”. A comitiva do PP abandonou entón a praza dirixíndose cara o castelo, onde segundo fontes consultadas celebrarían posteriormente un xantar.
Dende o PSdeG-PSOE de Ourense esíxenlle aos populares “xogo limpo” e denuncian que ter ao Partido Popular por Castro Caldelas “invitando a viños e facendo propaganda é unha mostra máis de non acatan as normas e decisións”. Os e as socialistas acusan aos populares de “ser uns trileiros profesionais, tentando camuflar un acto electoralista coma unha simple visita”.

