Deputación de Ourense FONDOS PÚBLICOS

Tras décadas de traballo acadamos un plan único de financiamento para os concellos da provincia

O GRUPO SOCIALISTA NA DEPUTACIÓN DE OURENSE ACADA 17 MILLÓNS DE EUROS PARA O PLAN DE FINANCIAMENTO DOS CONCELLOS DA PROVINCIA

O acordo alcanzado co grupo de goberno popular implica a consecución dunha “histórica” reivindicación socialista, poñendo fin a décadas de uso “partidista e clientelar” de fondos públicos na provincia

“É un paso máis a engadir ao millón de pasos que demos por Ourense para acabar co reparto inxusto e arbitrario de fondos públicos”, subliñou Vila, salientando “anos de esforzo e traballo” do seu partido

Ourense, 20 de novembro de 2023. O Grupo Provincial Socialista na Deputación de Ourense acada un acordo para destinar 17 millóns de euros ao plan único de colaboración dos 91 concellos da provincia de menos de 20.000 habitantes e a entidade menor de Berán. Trala xunta de portavoces que tivo lugar na mañá do luns, o voceiro socialista na Deputación de Ourense, Álvaro Vila, compareceu diante dos medios para anunciar “a consecución dunha histórica reivindicación dos socialistas da provincia que, a través dun mecanismo de financiamento máis equitativo, pon fin a décadas de uso partidista e clientelar de fondos públicos na provincia sen atender a criterios obxectivos nin ao interese xeral das nosas veciñas e veciños”. Segundo explicou o voceiro socialista, o pacto acadado co grupo de goberno provincial do PP, que é bianual, contempla que se destinen 17 millóns de euros para o plan único en 2024, que se verán incrementados nun millón de euros no exercicio 2025, cando se consagrarán 18 millóns de euros para o financiamento dos concellos.

Vila xustificou a discreción seguida pola súa formación durante as negociacións na importancia de “adoptar un plan único máis xusto, dotado de recursos suficientes para garantir unha meirande autonomía dos concellos, que a partir de agora disporán dunhas bases certas sobre as que planificar e organizar os seus proxectos”. “Alguén se pensa que o PP, que inicialmente puxo sobre a táboa un plan único de financiamento dos concellos de apenas 12 millóns de euros, subiu até algo máis de 17 millóns por iniciativa propia?”, lanzou o portavoz socialista poñendo en valor a estratexia despregada polo seu grupo, que inclúe numerosos encontros, interaccións, propostas e contrapropostas, e “un traballo incesante xa desde o inicio da lexislatura, en pleno verán, que ao final deu os seus froitos”. O plan que se adoptará na sesión plenaria do vindeiro venres, 24 de novembro, “sen ser aínda o ideal, é o que máis se parece á nosa achega inicial, reflectindo actualizacións anuais, que esperamos se no final da lexislatura se sitúan no 22% do total orzamentario”, clarificou Vila.

Un paso máis por Ourense

“Este é un paso máis a engadir ao millón de pasos que demos por Ourense para acabar co reparto inxusto e arbitrario de fondos públicos na Deputación”, subliñou Vila en alusión á marcha reivindicativa ata Madrid de finais de 2021 protagonizada por deputados socialistas, salientando o “histórico” da medida e os “anos de esforzo e traballo” do seu partido para a súa consecución. “É unha reivindicación que enarboramos desde hai moitos anos, que estimamos xusta e non é reducible a soa vontade do presidente Luís Menor, como se nos quixo facer ver”. “Alén da racionalización e simplificación de procedementos, a proposta adoptada conformase como un plan de axuda ás administracións locais moito máis ambicioso, que segue criterios obxectivos e que é capaz de aportar respostas acaídas coas necesidades dos nosos veciños e daqueles que lexitimamente os representan nos Concellos, sexan do partido que sexan”, afirmou Vila, quen estaba acompañado do resto de deputados socialistas.

A xeito de recoñecendo que o plan único é o colofón a anos de loita e implica cambios substanciais en canto ao reparto de fondos, o voceiro do PSdeG-PSOE na Deputación de Ourense desvelou que a súa formación facilitará a súa aprobación en sesión plenaria, absténdose durante o voto. “Aínda non é o noso plan ao 100%, pero é un cambio moi significativo con respecto á situación previa”, estima Vila. O Consello de Contas tiña concluído que oito de cada dez contratos e subvencións da Deputación de Ourense foran adxudicados discrecionalmente, incumprindo os principios de concorrencia competitiva e transparencia, notando o recurso irregular e masivo do mecanismo de contratos menores. O presidente saínte, Manuel Baltar, valíase deste sistema para sustentar unha rede clientelar arredor do reparto “a dedo” de fondos e postos públicos, dirixíndose un 97% dos fondos da Deputación de Ourense en 2022 para concellos gobernados polo PP. O plan único que se consensuou e que ten por base a proposta inicial socialista, toma en consideración os criterios establecidos pola propia Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP), que son superficie, poboación, dispersión e envellecemento; así como os plans de financiamento que xa rexen no resto de provincias galegas.