A AGRUPACIÓN MUNICIPAL SOCIALISTA CONMEMORARÁ O 25N CUNHA REPRESENTACIÓN IMPACTANTE, PROTAGONIZADA POLA ACTRIZ UXÍA MORÁN, QUE ABORDA A VIOLENCIA DE XÉNERO
“Este en concreto marcámolo en vermello no calendario porque entendemos que hai que reclamar que non podemos consentir que o número de vítimas continúe aumentando”, sinalou o secretario de Organización, José Ramón Morgade
A actriz ourensá Uxía Morán interpretará unha obra sen medias tintas porque, como ela mesa explicou, a violencia de xénero “non se pode tratar a medio gas”
Ourense, 21 de novembro de 2023. A agrupación municipal do PSdeG-PSOE da cidade de Ourense organiza este venres pola tarde un acto con motivo do Día Internacional para a Eliminación das Violencias contra a Muller (25N). “Ao longo do ano promovemos diversos actos, tanto de reivindicación como de celebración, pero este en concreto marcámolo en vermello no calendario porque entendemos que hai que reclamar que non podemos consentir que o número de vítimas continúe aumentando”, sinalou o secretario de Organización, José Ramón Morgade.
Neste senso, lamentou que no que vai de 2023 máis de 50 mulleres foran asasinadas a mans das súas parellas ou exparellas. “No 2019 semellaba que os datos minoraban, pero estamos a observar con preocupación que aumentan sen freo este ano”, engadiu insistindo en que é urxente solicitar medidas efectivas que deteñan a sangría. “Trátase dunha violación flagrante dos dereitos humanos”, afirmou ante os medios de comunicación.
Para poñer no centro de todo ás mulleres, os e as socialistas quixeron contar coa participación da actriz ourensá Uxía Morán que interpretará unha peza sen medias tintas porque, como ela mesa explicou a violencia de xénero “non se pode tratar a medio gas”. A performance será o venres 24, ás 19.00 horas, na Praza San Martiño de balde para todos e todas as que queiran achegarse.
Baixo o título de O neno mira ao mundo e a nena mirará ao fogar a protagonista aunará a educación na época franquista, coa imperiosa intercedencia da igrexa católica, coa actualidade. “Aproveitando iso, que ao fin e ao cabo aínda arrastramos a día de hoxe, amósase a violencia que as mulleres e as súas crianzas padecen nos seus fogares, moitas veces de xeito silenciado”, expuxo Morán.

