O PSDEG-PSOE DA PEROXA DENUNCIA A “CHAPUZA” LEVADA A CABO POLA DEPUTACIÓN NAS OBRAS DA OU-0502 QUE PRESENTAN MESES DESPOIS DO SEU REMATE “NUMEROSAS FOCHANCAS E BURACOS”
Os e as socialistas denuncian que as fochancas supoñen “un auténtico perigo” para a circulación dos vehículos e critican que “tardaron menos en saír os buracos do que tardaron en rematar as obras”
A voceira do PSdeG, Rocío Moreiras, afirma que “o desleixo e a desidia do alcalde non teñen parangón”, xa que tal e como argumentan “prefire ignorar as problemáticas do municipio e facer oídos xordos ás reclamacións dos veciños, que buscar solucións”
A Peroxa, 21 de novembro de 2023. O PSdeG-PSOE da Peroxa denuncia a “chapuza” levada a cabo pola Deputación de Ourense na obra de mellora nunha das curvas da estrada OU-0502 de acceso á Peroxa. Os e as socialistas denuncian que aos poucos meses do remate das obras “as fochancas son xa máis que evidentes”, o que supón un “auténtico perigo” para a circulación dos vehículos, pondo en “grave risco” aos condutores que a diario transitan pola zona.
Dende o grupo municipal socialista consideran que as obras OU-0502 foron unha “burla total á veciñanza”, xa que tal e como explican “prologáronse durante meses, sen que nin no propio concello, nin na Deputación, desen explicacións convincentes sobre os retrasos”. Os e as socialistas critican que “meses despois da finalización das obras, os buracos e fochancas son máis que evidentes” e afirman que “tardaron menos en saír os buracos do que tardaron en realizar as obras”.


Os e as socialistas subliñan que a situación “é extremadamente grave” e esíxenlle ao alcalde do Partido Popular, Manuel Seoane, que busque solucións “inmediatas” a esta problemática. Lémbranlle ao rexedor, que “ademais de ser alcalde da Peroxa e tamén o deputado provincial responsable da área de infraestruturas”, polo que consideran que “non pode mirar para outro lado e debe pórse a traballar na procura dun arranxo eficaz e eficiente”.
Para a voceira do PSdeG-PSOE na Peroxa, Rocío Moreiras Pavón, “o desleixo e a desidia do alcalde non teñen parangón”, xa que tal e como argumenta “prefire ignorar as problemáticas do municipio e facer oídos xordos ás reclamacións dos veciños e veciñas, que buscar solucións e arranxar este tipo de situacións”. A edil socialista tamén se pregunta “como estarán o resto de obras en estradas da Deputación pola provincia adiante, porque se o deputado provincial de infraestruturas non mira nin tan sequera polas obras do concello do que é alcalde, que fará nos demais casos?”.
Dende o PSdeG-PSOE da Peroxa esíxenlle ao alcalde que “abandone a política de mirar para outro lado e se poña dunha vez por todas a defender os intereses da veciñanza do seu concello”. Consideran que a “desidia e o desleixo deben rematar” e que “xa vai sendo hora de que a Peroxa teña o trato digno que merece”.

