O PSDEG-PSOE DE VIANA DO BOLO DENUNCIA QUE O ARRANXO DA CUBERTA DO PAVILLÓN CHEGA “TARDE” E DESPOIS DE ANOS DE “INACCIÓN” DOS GOBERNOS MUNICIPAIS DE PP E BNG
Os e as socialistas denuncian que a “desidia” de PP e BNG xerou, como consecuencia das “numerosas” goteiras na cuberta, que “chova dentro do pavillón” e que se danase tamén o parqué, encarecendo os “custes” da reparación e afectando ao equipo de fútbol sala
Germán García-Ávila Arias esíxelle ao grupo de goberno que “non se chegue nunca máis a unha situación semellante” e solicita que cando haxa algunha deficiencia “se acometa con dilixencia o seu arranxo”
Viana do Bolo, 23 de novembro de 2023. O PSdeG-PSOE de Viana do Bolo denuncia que o arranxo da cuberta do pavillón municipal chega “tarde” e despois de anos de “inacción” dos gobernos municipais do Partido Popular e o BNG, que non foron quen de arranxalo no seu momento. Os e as socialistas denuncian que a “desidia” de populares e nacionalistas, xerou como consecuencia das “numerosas” goteiras na cuberta, que “chova dentro do pavillón” e que se danase tamén o parqué, encarecendo os “custes” da reparación.
Dende o grupo municipal socialista explican que esta situación provocou que un grupo de mozos e mozas de Viana e Vilariño que contan cun equipo de fútbol sala que compite nas ligas autonómicas se vise “gravemente” afectado e prexudicado polos danos na cuberta. Tal e como indican os e as socialistas “atópanse na tesitura de que poden verse excluídos da competición, ao non estar en condicións o pavillón de Viana, no que xogan como locais”. Neste senso tamén apuntan a que “xa viron adiados tres encontros, pasando a vergoña de ver como equipos de toda Galicia chegaban a Viana e tiñan que dar volta ao non poderse disputar o encontro”. Asemade do equipo sénior, tamén se viron prexudicados o equipo feminino e xuvenil, que viron aprazados varios partidos e noutros tiveron que desprazarse ata Manzaneda para poder xogalos.
O voceiro do PSdeG-PSOE en Viana do Bolo, Germán García-Ávila Arias, alerta de que a situación non afecta só ao equipo de fútbol sala, xa que tal e como apunta “tamén pode impactar na celebración da festa da Androlla, que se celebra no interior do pavillón municipal”. O edil socialista esíxelle ao grupo de goberno que “non se chegue nunca máis a unha situación semellante” e solicita que cando haxa algunha deficiencia ou problema “se acometa con dilixencia o seu arranxo”, porque segundo pon de manifesto “canto máis se retrase, maior será o custo da reparación”.
Garcí-Ávila Arias tamén cuestiona o arranxo afirmando que “ao realizalo en inverno, fálase de que instalarase unha nova cuberta sobre a actual, o que nos ofrece dúbidas máis que razoables sobre o resultado final”. Neste senso critica que “conseguindo unha subvención no mes de xullo, non entendemos como deixaron pasar os meses de verán sen sacar a licitación a adxudicación das obras”.
Dende o PSdeG-PSOE vianés teñen claro que a “dificultade” a hora de realizar os traballos no teito do pavillón coa climatoloxía “adversa” do inverno vén motivada pola “falta de previsión” do executivo municipal. Agardan que o arranxo “remate canto antes”, nas condicións “apropiadas”, que se corrixan “correctamente” as deficiencias e que o equipo de fútbol sala e a festa da Androlla poidan desenvolverse con total “normalidade”.

