concellos Denuncias

Os e as socialistas de Lobios denuncian o colapso do centro de saúde

O PSDEG-PSOE DE LOBIOS DENUNCIA O “TOTAL” COLAPSO DO CENTRO DE SAÚDE ANTE A FALTA DE FACULTATIVOS E A LISTA DE AGARDA PARA RECIBIR ATENCIÓN MÉDICA CHEGA XA ÁS 3 SEMANAS

Afirman que os veciños e veciñas de Lobios están “fartas” da situación e esíxenlle ao goberno galego e ó Sergas que poñan todos os medios necesarios para unha cobertura sanitaria “correcta, efectiva e digna”

Patrick Rodríguez insta aos alcaldes do PP na Baixa Limia “a que dean a cara, cousa que nunca fixeron antes diante destes atropelos e cacicadas da Xunta, e a que loiten por unhas reivindicacións que son lícitas, que se poden materializar e que van máis aló da política”

Lobios, 24 de novembro de 2023. O PSdeG-PSOE de Lobios denuncia que o centro de saúde do municipio vive un colapso “total” ante a falta de médicos ou médicas para dar cobertura a unha veciñanza que ten que agardar ata tres semanas para poder recibir asistencia sanitaria. Os e as socialistas afirman que os veciños e veciñas de Lobios están “fartas” da situación e esíxenlle ao goberno galego e ó Sergas que poñan todos os medios necesarios para unha cobertura sanitaria “correcta, efectiva e digna”.

Dende o grupo municipal socialista en Lobios explican que nos últimas semanas, o centro de saúde de Lobios dispón dunha soa médica para dar cobertura aos máis de 1.800 veciños e veciñas do municipio. A marcha dunha das dúas facultativas que prestaba atención no centro médico provocou que o centro quedase nunha situación “precaria” e sen posibilidade de obter cita médica ata dentro de tres semanas dende que se quere solicitar. “Levamos dende finais de outubro padecendo esta problemática, pero ca chegada do outono e o aumento da necesidade de atención sanitaria, a situación empeorou”, indican os e as socialistas.

O concelleiro do PSdeG-PSOE en Lobios, Patrick Rodríguez González, afirma que “estamos ante un capítulo máis da precarización do rural dende que o PP goberna a Xunta, especialmente en zonas tan afastadas das urbes como a nosa” e láiase que dende o goberno autonómico “se gaben e presuman dos servizos no rural, cando acontecen cousas como as que estamos a padecer”. O edil socialista insta aos alcaldes do Partido Popular na Baixa Limia “a que dean a cara, cousa que nunca fixeron antes diante destes atropelos e cacicadas da Xunta de Galicia, e a que loiten por unhas reivindicacións que son lícitas, que se poden materializar e que son apolíticas, xa que isto transcende máis aló da política”. Declara tamén que “é necesario que todos loitemos unidos por uns servizos dignos, bos, xustos e de calidade”.

Rodríguez salienta que esta mesma semana, a medica e a enfermeira tiveron que saír a atender unha urxencia e o centro de saúde “quedou completamente baleiro de 9:00 a 12 do mediodía”. O secretario de organización do PSdeG-PSOE de Lobios apunta a que a veciñanza “está estudando a posibilidade de realizar unha concentración nas vindeiras semanas para reclamar unha sanidade pública, digna e de calidade” e sinala que “tamén estamos tratando a posibilidade de levar ao Parlamento de Galicia, a través dos nosos representantes, iniciativas para reclamarlle á Xunta solucións ante o colapso sanitario na atención primaria”.

“Esta é a gota que colmou o vaso e a veciñanza atópase farta xa dos recortes e o desmantelamento masivo que o PP está a levar a cabo en materia sanitaria no municipio e na bisbarra”, subliñan os e as socialistas de Lobios. Segundo relatan dende o PSOE de Lobios “este é un capítulo máis que se suma a falta de persoal no Pac de Bande, que só dispón de un facultativo, facendo que cando sae a urxencia o centro recinto quede sen médico, ou a eliminación da farmacia de garda na bisbarra, o que obriga a desprazarse ata Celanova”. Engaden, por último, que a bisbarra só dispón de servizo de pediatría un día a semana en Bande, o que consideran “claramente insuficiente para os máis de 200 cativos e cativas da Baixa Limia”.

Por último os e as socialistas queren facer mención “especial” a “profesionalidade” da médica, das enfermeiras e ao persoal administrativo, xa que tal e como apuntan “grazas a elas a situación non é máis alarmante aínda, debido ao seu incansable traballo”. Neste senso apuntan que “sempre intentan facer ocos como sexa para poder ofrecer o mellor servizo, pero está claro que hai unha ausencia total de persoal”.