OS E AS SOCIALISTAS DE OURENSE PARTICIPARÁN NA CONVENCIÓN POLÍTICA DO PSDEG, CLAVE PARA O LANZAMENTO DO ILUSIONANTE E AMBICIOSO PROXECTO POLÍTICO QUE PORÁ FIN AOS 14 ANOS DE GOBERNO DO PP EN GALICIA
A delegación dos socialistas estará formada, entre outros, por membros e membras da Comisión Executiva Municipal, encabezados pola súa secretaria xeral Natalia González, do Grupo Municipal Socialista, e os propios integrantes da CENG
“Ourense é unha das cidades máis damnificadas polas políticas dos gobernos do Partido Popular nos últimos 14 anos á fronte da Xunta de Galicia, cunha evidente discriminación en novas infraestruturas, na sanidade ou na educación e cun desleixo e falta de compromiso evidente co termalismo, co transporte metropolitano ou coas demandas sociais e medioambientais”, asegura a secretaria xeral
Ourense, 7 de decembro de 2023. A Agrupación Municipal do PSdeG-PSOE de Ourense celebrou o pasado venres 1 de decembro unha asemblea extraordinaria para a elección dos participantes que asistirán á convención socialista do PSdeG en representación da agrupación da cidade, correspondéndolle a capital un total de 44 persoas participantes.
Esta convención na que participarán os representantes da Agrupación Municipal do PSdeG- PSOE de Ourense “ten como principal obxectivo construír entre todos e todas o gran proxecto que Galicia precisa e no que Ourense ten que ter un peso específico, dando o mellor de cada un de nós para que sexa o eixo fundamental para o inicio do cambio político no noso país liderado por un gran candidato como é José Ramón Gómez Besteiro” segundo manifesta Natalia González.
“Ourense é unha das cidades máis damnificadas polas políticas dos gobernos do Partido Popular nos últimos 14 anos á fronte da Xunta de Galicia, cunha evidente discriminación negativa en materia de novas infraestruturas, na sanidade ou na educación e cun desleixo e falta de compromiso evidente co termalismo, co transporte metropolitano ou coas demandas sociais e medioambientais. Unha discriminación a que hai que engadirlle a puntilla de colocarnos a Gonzalo Pérez Jácome en dúas ocasións á fronte da Alcaldía da terceira cidade de Galicia, a sabendas de que era letal para Ourense segundo o propio Partido Popular.”
A delegación dos socialistas da capital estará formada, entre outros, por membros e membras da Comisión Executiva Municipal, encabezados pola súa secretaria xeral Natalia González, do Grupo Municipal Socialista, así como polos propios integrantes da CENG e cargos institucionais que pertencen á Agrupación Municipal.
A Comisión Executiva Nacional Galega na súa reunión extraordinaria do día 11 de novembro convocaba a celebración da Convención Política do PSdeG. Os vindeiros días 16 e 17 de decembro o PSdeG-PSOE levarase a cabo a Convención Política na Cidade da Cultura, en Santiago de Compostela.
A estrutura da convención baséase en 4 liñas de traballo:
– Construír a economía do futuro ao servizo dos galegos e galegas.
– Recuperar uns servizos públicos que garantan a igualdade de oportunidades.
– A cohesión territorial para conectar o país.
– Un novo impulso ao autogoberno para abordar os retos da Galicia do futuro.

