SENADO SOCIALISTAS OURENSÁNS NAS INSTITUCIÓNS

Villarino impulsará iniciativas no Senado para darlle posibilidades de futuro a Ourense

RAFA VILLARINO PON DE MANIFESTO A SÚA “GRATITUDE” E AS SÚAS “GANAS” DE TRABALLAR POR MELLORAR A PROVINCIA DE OURENSE DENDE O CONGRESO E O SENADO NA XV LEXISLATURA

O representante socialista na Cámara Alta vén de coñecer cales serás os seus cargos e as comisións ás que foi asignado de cara a XV lexislatura, na que traballará en materias como a alimentación, o despoboamento ou a atención ás adicións e á discapacidade

“Procurarei impulsar iniciativas que brinden posibilidades de futuro á nosa xente e á nosa terra”, afirma Villarino, que tamén agarda que a súa “bagaxe profesional” repercuta positivamente na provincia

Ourense, 13 de decembro de 2023. O representante do PSdeG-PSOE de Ourense no Senado, Rafael Rodríguez Villarino, vén de coñecer cales serán os seus cargos e as comisións ás que foi asignado de cara a XV lexislatura. O secretario provincial dos socialistas ourensáns será o voceiro de alimentación na comisión de Agricultura, Gandería e Alimentación, formará parte como secretario segundo na mesa da comisión de Despoboamento e Reto Demográfico, actuará coma vogal na comisión de Políticas Integrais de Discapacidade e ostentará o cargo de vicevoceiro na comisión mixta Congreso-Senado para o estudo dos problemas das adiccións.

Rodríguez Villarino pon de manifesto a súa “gratitude” e as súas “ganas” de traballar por mellorar a provincia de Ourense dende o Senado e o Congreso. “Quero expresar a miña gratitude aos grupos do PSOE no Senado e no Congreso pola confianza depositada na miña persoa para representar á provincia de Ourense no seo do Estado en materias socialmente tan relevantes como as referidas ao reto demográfico, a alimentación, a discapacidade e as adiccións”, afirma o senador socialista pola provincia de Ourense.

Cabe sinalar que a atención ás adicións e á discapacidade son parte da formación académica do senador ourensán, que é licenciado en psicoloxía, e que ademais posúe un amplo historial investigador como doutor e experiencia laboral como psicólogo. Neste senso afirma que “agardo que esta bagaxe poida repercutir positivamente na cidadanía do noso país”.

“Tratar de dar resposta ao problema do despoboamento, e apoiar o desenvolvemento da industria agroalimentaria son desafíos estatais que afectan, de preto, á nosa provincia”, explica Rafa Villarino, que tamén apunta que dende as comisións que abordan unhas problemáticas de tanta valía socioeconómica, “procurarei impulsar iniciativas que brinden posibilidades de futuro á nosa xente e á nosa terra”.