concellos INICIATIVAS

Os e as socialistas de Lobios impulsan a renovación do campo de fútbol do Paraño

O PSDEG DE LOBIOS AMOSA A SÚA “TOTAL” SATISFACCIÓN TRALA FIRMA DO PROTOCOLO DE COLABORACIÓN NA DEPUTACIÓN PARA O “ANSIADO” INVESTIMENTO NO CAMPO DE FÚTBOL DO PARAÑO

Os e as socialistas afirman que “tras máis de 12 anos de agarda e da sarta de mentiras e promesas incumpridas” da alcaldesa do PP parece que a renovación do campo será agora unha “realidade”

Patrick Rodríguez pon de manifesto que “gracias a insistencia do PSOE a nivel municipal e provincial, podemos dicir que Lobios terá o seu agardado campo de fútbol”, xa que tal e como apunta “foron as presións continuas dos socialistas as que levaron a esta sinatura”

Lobios, 14 de decembro de 2023. O PSdeG-PSOE de Lobios amosa a súa “total satisfacción” trala firma dun protocolo de colaboración na Deputación de Ourense para realizar o tan “agardado” investimento na reforma do campo de fútbol do Paraño. Os e as socialistas afirman que “tras máis de 12 anos de agarda e da sarta de mentiras e promesas incumpridas” da alcaldesa do PP, María del Carmen Yáñez, parece que a renovación das instalacións serán agora unha “realidade”.

Dende o grupo municipal socialista lembran que en setembro do ano 2022 aprobouse unha modificación de crédito neste senso en sesión plenaria na Deputación de Ourense, pero tal e como apuntan “eses cartos nunca se destinaron a reforma do campo de fútbol”. Apuntan tamén que “agora por fin si vamos ter un convenio asinado, algo que non aconteceu entón, o que provocou que só fose fume electoral co que a señora Yáñez tratou de mercar votos e vontades antes das eleccións municipais”.

Para o concelleiro do PSdeG-PSOE en Lobios, Patrick Rodríguez, este avance supón “unha gran nova” para Lobios e agarda que “finalmente se materialice e podamos contar canto antes cunhas instalacións deportivas acordes ao século XXI”. O secretario de organización dos e das socialistas do municipio pon de manifesto que “gracias a insistencia do PSdeG-PSOE a nivel municipal e provincial, hoxe podemos dicir que Lobios terá o seu agardado campo de fútbol”, xa que tal e como apunta “foron as presións continuas no concello e na Deputación por parte dos e das representantes socialistas as que levaron a esta sinatura”.

Rodríguez agarda que desta vez, por fin, os cartos “dedíquense ao seu fin e que o campo de fútbol do Paraño reciba os investimentos que tanto precisa, para rematar co estado de abandono e deplorable que presenta nestes momentos”. Cabe lembrar que as actuais instalacións están “completamente obsoletas, nun pésimo estado e con varias zonas do terreo de xogo que fan practicamente impracticable a práctica deportiva”. O concelleiro socialista tamén manda as súas felicitacións a UD Lobios, que tal e como afirma “poderá seguir realizando a súa labor encomiable no eido social, familiar e económico na vila, cunhas instalacións deportivas acordes aos tempos que corren”.

Por últimos, o PSdeG-PSOE de Lobios volve a reiterar á alcaldesa, María del Carmen Yáñez, a súa petición para que “pida desculpas públicas a toda a cidadanía e a UD Lobios, por 12 anos de mentiras e falsas promesas, nas que cruzou varias liñas vermellas prometendo unha reforma que non chegaba e anunciando convenios que nunca se asinaron, nin estiveron redactados”. Os e as socialistas consideran que a política “precisa de persoas dignas e íntegras, que defendan á veciñanza e que non obedezan a intereses espurios, nin opten pola mentira como forma de rascar votos e rédito electoral”.