O PSOE DE BEADE ALERTA DE QUE A FALLA DE PREVISIÓN DO PP DEIXA SEN ATENCIÓN MÉDICA Á VECIÑANZA EN PLENA ÉPOCA DE ENFERMIDADES, OBRIGÁNDOA A DESPRAZARSE ATA LEIRO
Os e as socialistas subliñan que a xerencia sanitaria de Ourense e o Sergas “deben contemplar estes casos, xa que as vacacións son un dereito de calquera traballadora, e polo tanto, deben prever estas ausencias coa chegada de facultativos substitutos”
Carmen Rama acusa ao alcalde do PP, Fernando Taboada, de “estar máis preocupado de aprobarse unha nómina, que de loitar pola veciñanza e reivindicar uns servizos sanitarios dignos e eficientes”
Beade, 20 de decembro de 2023. O PSdeG-PSOE de Beade alerta de que a falla de previsión do goberno autonómico para cubrir a baixa por vacacións da facultativa que presta servizo no municipio, obrigará á veciñanza a desprazarse ata Leiro para poder recibir atención sanitaria ata despois das festas. Os e as socialistas consideran que nunha poboación envellecida como a do municipio a situación supón un “severo” varapau para á veciñanza, que se verá obrigada a ter que pagar un taxi para poder acudir ao médico, no caso de non ter coche propio.
Dende o grupo municipal socialista afirman que “estamos ante unha situación idéntica a que aconteceu no verán, polo que non entendemos a ausencia de previsión por parte do Sergas para enviar outro facultativo que cubra as vacacións da titular”. Entrando nunhas datas nas que aumentan as reunións familiares e baixan as temperaturas, co risco de aumento das enfermidades, os e as socialistas consideran “inadmisible” que se produza esta situación.
A voceira do PSdeG-PSOE en Beade, Carmen Rama Cotelo, fai fincapé en que o centro de saúde de Leiro e os seus facultativos “non teñen capacidade dabondo para poder dar servizo médico aos habitantes dos dous concellos”, xa que tal e como apunta “xa o vimos no verán, cando o centro de saúde colapsou ante a demanda de atención médica por parte da veciñanza de ámbolos municipios”. A edil socialista subliña que a xerencia sanitaria de Ourense e o Sergas “deben contemplar estes casos, xa que as vacacións son un dereito de calquera traballadora, e polo tanto, deben prever estas ausencias coa chegada de facultativos substitutos”.
Rama Cotelo critica que o alcalde do PP, Fernando Taboada, “está máis preocupado de aprobarse unha nómina e unha dedicación exclusiva parcial, que de loitar pola veciñanza de Beade e reivindicar uns servizos sanitarios dignos e eficientes”. A edil socialista tamén apunta a que o rexedor “colgou o aviso da falta de médico onte pola noite, con nocturnidade e aleivosía, intentando agochar a súa nefasta xestión ao fronte do concello a hora de loitar polos intereses de Beade”.
Os e as socialistas de Beade acusan a Fernando Taboada de ser un colaborador “necesario” da xerencia sanitaria de Ourense para iniciar o “desmantelamento” de servizos en Beade e alertan que “este é o primeiro paso para ir pouco a pouco eliminando a asistencia médica no noso municipio, xa que segue o mesmo modus operandi do acontecido coa escola, hoxe pechada”. Dende o PSOE de Beade instan ao concello a “defender os intereses da veciñanza, en lugar de metela en coidados paliativos a base de abandono e desleixo”.

