O GRUPO MUNICIPAL SOCIALISTA PROPÓN QUE DENDE O CMD SE TRASLADEN Á XUNTA DE GALICIA TODAS AS EIVAS E MELLORAS A LEVAR A CABO ANTES DO REMATE DAS OBRAS DE REMODELACIÓN DO ESTADIO DO COUTO
“Durante as últimas décadas a Xunta de Galicia foi parcheando unha e outra vez o estadio do Couto e esta non pode ser de novo unha oportunidade perdida para que Ourense teña un estadio digno da terceira cidade de Galicia”, sinala a secretaria xeral do PSdeG en Ourense, Natalia González Benéitez
Ourense, 20 de decembro de 2023. As representantes socialistas no CMD, Natalia González Benéitez e María Fernández Ojea, puxeron sobre a mesa na última reunión deste organismo autónomo a posibilidade de que desde este propio organismo e a través das aportacións de todas as formacións políticas que o integran (PSOE, BNG, PP e DO), se poida instar e obrigar á Xunta de Galicia a solucionar as eivas xa existentes. Tamén solicitar as melloras e axustes necesarios previos ao fin das obras e á recepción das mesmas, previstas en principio segundo os representantes autonómicos para febreiro de 2024.
“É evidente que tralo anuncio do inicio das obras por parte da Xunta foron reiterados os retrasos para a execución dos 2,6 millóns de euros orzamentados a priori para ditas obras, de 7 meses a máis de dous anos”, afirma a edil socialista Natalia González Benéitez.
Algunha das achegas ao respecto do grupo municipal serán a certificación de que os valados metálicos da grada se axusten á normativa vixente, o adecentamento da entrada aos locais das federacións deportivas que están situadas baixo a grada e a instalación dunha iluminación de calidade e que priorice o aforro e a eficiencia enerxética.
Esta iniciativa foi prantexada pola importancia da obra para Ourense e a súa relevancia para o deporte ourensán, en aras de facilitar ao goberno municipal de Gonzalo Pérez Jácome, que ata o de agora adoptou unha posición pasiva e sumisa ante a organización autonómica, as reivindicacións necesarias para garantir o futuro desta instalación despois de acometer un investimento deste calibre, para que non se convirta noutro parche máis que leve a gastar máis diñeiro público no futuro para o seu mantemento.

