O PSDEG-PSOE DE LEIRO INSTA AO CONCELLO A BUSCAR SOLUCIÓNS PARA CONTER O “GRAVE” PROBLEMA DE SAÚDE PÚBLICA QUE ORIXINA UNHA COLONIA FELINA A CARÓN DO COLEXIO PÚBLICO
Os e as socialistas denuncian que a ausencia de control por parte das autoridades municipais provocou que os felinos defequen e ouriñen nas instalacións educativas, tanto nos patios interiores, como no areal no que xogan os máis cativos e cativas, co risco que supón
Manuel Rodríguez sinala que a colonia “precisa dun exhaustivo control, así como dunhas medidas de hixiene mínimas, que permitan controlar a saúde dos animais e tamén da veciñanza e evitar posibles brotes de enfermidades ante o deterioro das condicións hixiénicas”
Leiro, 21 de decembro de 2023. O PSdeG-PSOE de Leiro solicítalle ao goberno municipal que proceda con carácter de “urxencia” a buscar solucións para conter un “grave” problema de saúde pública que está orixinando unha colonia de gatos situada a carón do colexio público do municipio. Os e as socialistas denuncian que a ausencia de control por parte das autoridades provocou que os felinos defequen e ouriñen nas instalacións educativas, tanto nos patios interiores, como no areal no que xogan os máis cativos e cativas, co risco que isto supón.
Dende o grupo municipal socialista trasladáronlle ao alcalde dita situación, aproveitando a celebración de sesión plenaria esta semana. Os e as socialistas consideran que “é urxente” que as autoridades municipais se impliquen na toma de medidas ante a proliferación desta colonia felina nas inmediacións do colexio público Emilia Pardo Bazán. Dende o PSOE presentaron unha batería de medidas para buscar unha solución a esta situación que van dende a realización dun censo de gatos, ao desenvolvemento de programas de esterilización, así como a desparasitación, vacinación e identificación dos gatos.




O voceiro do PSdeG-PSOE en Leiro, Manuel Rodríguez Vázquez, considera que a situación actual da colonia “supón un risco para a saúde pública, tanto dos cativos e cativas que acoden a diario ao centro de ensino, como da veciñanza que vive a carón do colexio”. O concelleiro socialista sinala que a colonia “precisa dun exhaustivo control, así como dunhas medidas de hixiene mínimas, que permitan controlar a saúde dos animais e tamén da veciñanza e evitar posibles brotes de enfermidades ante o deterioro das condicións hixiénicas”.
Rodríguez Vázquez afirma que dende o PSdeG-PSOE de Leiro “xa lle solicitamos ao alcalde cambiar a localización da colonia uns metros máis abaixo, concretamente na intersección entre as rúas Leiro Pequeno e Casanova”. Neste senso, o voceiro socialista apunta a que “esta sería unha maneira de disuadir que os gatos accedesen ao complexo escolar, complementando esta actuación cunha limpeza da zona constantes para evitar o lixo, os malos olores ou as defecacións dos animais”.
Dende o PSdeG-PSOE de Leiro alertan de que en caso de non actuar “a situación pode empeorar coa posible chegada de pragas asociadas aos animais, así como o aumento da colonia en caso de non esterilizalos, sumado a posibles enfermidades que poidan ter os felinos e que son altamente contaxiosas”. Ante esta situación, os e as socialistas pídenlle ao concello que actúe “polo ben común de Leiro e a veciñanza”.

