Deputación de Ourense INICIATIVAS

Impulsamos que o servizo de recollida do lixo siga mantendo o seu carácter público

APRÓBASE A INICIATIVA SOCIALISTA PARA MANTER O CARÁCTER PÚBLICO DO SERVIZO DE RECOLLIDA E TRATAMENTO DE RESIDUOS DA DEPUTACIÓN DE OURENSE

“Demandamos a non mercantilización deste servizo, sen ánimo de lucro, que sexa transparente, sustentable e que garanta o dereito a unhas prestacións suficientes, estables, eficaces e eficientes”, sostivo o voceiro socialista, Álvaro Vila

O Grupo Provincial Socialista aféalle ao PP a súa “total deslealdade institucional”  na firma de obras do Castelo de Monterrei, que, no día do anuncio das eleccións autonómicas, exclúe toda representación do Goberno central que aporta os 14 millóns de euros para as obras

Ourense, 22 de decembro de 2023. Impulsada polo Grupo Provincial Socialista, a moción para garantir o mantemento do carácter público do servizo de recollida e tratamento de residuos que presta a Deputación de Ourense foi aprobada en Pleno co voto favorable de PP e BNG, e abstención de DO. A iniciativa socialista instaba ao grupo de goberno a “un compromiso categórico para desbotar calquera iniciativa dirixida á privatización do servizo” que presta en réxime de competencia delegada a Deputación de Ourense. “Demandamos o compromiso da Deputación co carácter público e non mercantil deste servizo, sen ánimo de lucro, que sexa transparente, sustentable e que faga plenamente efectivo o dereito a unhas prestacións suficientes, estables, eficaces e eficientes”, sostivo o voceiro socialista, Álvaro Vila Araújo, durante a defensa da moción do seu grupo no Pleno.

“A conversión deste servizo público nun negocio privado a través da súa adxudicación a unha sociedade mercantil significaría o empeoramento do servizo, o deterioro das condicións dos traballadores e o encarecemento da prestación”, clarificou Vila. “Deste xeito, continuou o voceiro socialista, calquera intento de privatización redundará nun recorte das prestacións percibidas por dous terzos dos habitantes da provincia, involucrando prexuízos para os concellos afectados”. A Moción socialista tamén instaba ao goberno do Partido Popular a reforzar o servizo de recollida e transferencia de residuos que presta en réxime de competencia delegada a Deputación de Ourense. “Debemos consentir máis recursos para ampliar as prestacións ofrecidas á veciñanza independentemente do seu concello de residencia e garantir unhas mellores condicións laborais aos traballadores afectados ao servizo”, sostivo Vila.

Máis de 200.000 veciños de ata 74 concellos da provincia, que representan o 80% dos municipios ourensáns, dependen do servizo de recollida e transferencia de lixo en réxime de competencia delegada. A Deputación de Ourense tamén se ocupa da recollida selectiva de envases lixeiros nunha vintena de concellos, de papel e cartón en até seis e de vidro en outros nove, asumindo o servizo de Punto Limpo en 64 municipios. Cos votos de PP, DO e unha deputada non adscrita, en decembro de 2021 aprobouse o cambio no modo de xestión do servizo. Para Vila, “daquela, informes mediante, só se esgrimiron motivos políticos, non implicando ningún beneficio para veciñanza e traballadores”. En aras de deixar sen efecto a decisión a favor do modo de xestión e apuntalar o carácter público do servizo, “defendemos o mantemento do actual modelo, máis acaído co interese xeral á luz das súas avantaxes probadas en termos de eficacia, eficiencia, custo e beneficios sociais e medioambientais”, concluíu o voceiro socialista.