O PSDEG RECLAMA EN XINZO A COBERTURA DAS PRAZAS VACANTES EN PEDIATRÍA NUNHA COMARCA CASTIGADA POLOS RECORTES MASIVOS DO PP E O DESMANTELAMENTO DE SERVIZOS SANITARIOS
Os e as socialistas denuncian a “precaria” situación dun centro de saúde que tamén funciona como PAC para os concellos da contorna e que se atopa saturado ante a falla de facultativos e facultativas
O candidato á presidencia da Xunta, José Ramón Gómez Besteiro, participou na manifestación desta mañá que percorreu as rúas da vila reclamando a cobertura das prazas pediátricas vacantes
Xinzo de Limia, 30 de decembro de 2023. O PSdeG-PSOE desprazouse en masa esta mañá ata Xinzo de Limia para reclamar a cobertura das prazas vacantes en pediatría, nunha comarca que tal e como afirman os e as socialistas se atopa castigada polos recortes “masivos” e o desmantelamento de servizos sanitarios levado a cabo polo Partido Popular dende a Xunta de Galicia. Arredor de 2.000 persoas percorreron as rúas da vila cun clamor xeralizado reclamando un servizo de pediatría digno e de calidade e que se poña fin a política de desmantelamento sanitario no propio centro de saúde da capital de comarca.
En Xinzo estivo presente o candidato á presidencia da Xunta de Galicia, José Ramón Gómez Besteiro, que estivo na compaña do secretario provincial, Rafael Rodríguez Villarino; das deputadas no Parlamento de Galicia, Marina Ortega e Carmen Rodríguez Dacosta; da deputada no Congreso, Marga Martín; da deputada provincial e voceira no concello de Xinzo, Elvira Lama; dos deputados e das deputadas provinciais, Aurentino Alonso, Nacho Gómez, Susana Rodríguez e Marina Vaz; así como de diferentes voceiros e concelleiros do partido en Xinzo e nos diferentes concellos da comarca, ademais de varios cargos institucionais do partido.
O candidato socialista á presidencia da Xunta, José Ramón Gómez Besteiro, esixiulle ao goberno galego que reforce os servizos de pediatría deficitarios en Galicia, con preto do 20 por cento das prazas sen cubrir nos concellos galegos. Besteiro participou na mobilización convocada pola plataforma Loita Pediátrica na Limia para reivindicar a cobertura dos servizos de Pediatría en Xinzo, e tamén nos servizos sanitarios de Verín e O Carballiño.
O candidato socialista apuntou á “falla de vontade política” do goberno galego para resolver a falla de servizos de pediatría en 192 concellos de Galicia, así como do deterioro do servizo na Atención Primaria polos recortes aplicados á sanidade pública nos últimos 14 anos. Responsabilizou ao goberno galego da situación nos servizos sanitarios galegos, que son especialmente evidentes fronte ao pico de enfermidades respiratorias que está a amosar as eivas do sistema.
Explicou que os galegos e galegas seguen a padecer as consecuencias dos anos de recortes de Feijóo e Rajoy, cando Galicia tiña un tope de 20 prazas e nin sequera as convocaban todas. Lembrou que o Estado está a habilitar cada ano o maior número de prazas de formación da historia tamén de pediatras, aumentando un 35 por cento as prazas dispoñibles ata 27 ao ano, e advertiu que Galicia non conta con máis porque a Xunta renuncia a facer o seu traballo e solicitalas.













Besteiro sinalou que o propio Colexio de Médicos de Galicia ten alertado do problema que provoca o goberno galego pola precariedade dos prazas de profesionais sanitarios. Resumiu que as pobres expectativas laborais en Galicia son o principal motivo polo que os profesionais sanitarios escollen marchar a traballar fora da Comunidade Autónoma ou optan por outras especialidades.
Explicou que os profesionais evitan a Pediatría en Primaria pola escasa atención e importancia que se lle da dende o goberno autonómico con insuficientes condicións laborais e perspectivas de desenvolvemento profesional. O candidato socialista apuntou que «se queremos ter aos profesionais debemos atender tamén as súas necesidades e tratalos axeitadamente».
Xinzo, Verín e Carballiño
Sinalou que o caso de Xinzo resume a situación da Pediatría no interior de Galicia, cun centro de saúde no que a pesares de contar con dúas prazas de Pediatría, unha delas está sen cubrir dende que o titular colleu unha baixa prolongada, e o outro tamén colleu unha baixa unha semana antes de Nadal. Neste momento o servizo é atendido por dous médicos de Atención Primaria, un deles fai a función de Pediatría 4 horas á semana e o outro só 2 horas 3 días á semana para 3.753 nenos só no Concello de Xinzo.
Esta situación precaria ten saturado un centro que tamén funciona como PAC para os concellos da contorna en pleno pico da gripe, o que obriga aos veciños e veciñas a desprazarse no mellor dos casos 40 quilómetros dende Xinzo cos seus pequenos ata o Hospital de Ourense para ser atendidos nas Urxencias de Pediatría.
Besteiro encabezou a delegación dos socialistas galegos que participaron nesta concentración na que tamén reclamaron a cobertura dunha das pediatras do ambulatorio de Verín, que ten asumido unha baixa voluntaria de 6 meses. Reclama o reforzo dun servizo saturado que provoca que os usuarios se atopen con esperas inasumibles que os abocan a un servizo de urxencias colapsado.
Esta situación repítese nos centros de saúde do interior de Galicia, como é o caso do Carballiño, tamén en Ourense. As nais e pais daquela localidade desprazáronse hoxe a participar nesta concentración para denunciar que o seu Centro de Saúde está sen pediatra, xa que están de baixa tanto o médico puericultor que atendía catro horas ao día como a persoa encargada de substituíla, e só contan cunha enfermeira de Pediatría, co cal están obrigados a desprazarse a Ourense.

