O PSDEG-PSOE DE VIANA ACUSA Ó ALCALDE DO PP DE MENTIR “DESCARADAMENTE” SOBRE A REFORMA DO CAMPO DE FÚTBOL, QUE NON SE LEVARÁ A CABO POLA “NEGLIXENTE” XESTIÓN DO REXEDOR
Os e as socialistas denuncian que a “irresponsabilidade” do alcalde, deixa o campo de fútbol de Viana do Bolo sen céspede artificial e pon en xaque a creación de futuros equipos e de que as crianzas do municipio poidan “desenvolver prácticas deportivas saudables”
Germán García-Ávila sinala que esta situación “só ten un culpable, Andres Montesinos, que foi o que provocou que a reforma do campo non se incluíse no convenio asinado por varios concellos coa Deputación de Ourense, sendo substituído polo de Arnoia”
Viana do Bolo, 2 de xaneiro de 2024. O PSdeG-PSOE de Viana acusa ao alcalde do Partido Popular, Andrés Montesinos, e o seu equipo de goberno de mentir “descaradamente” e optar por “falsas” promesas en relación a tan agardada reforma do campo de fútbol. Os e as socialistas denuncian que a “irresponsabilidade” do rexedor a hora de xestionar a inclusión do campo de fútbol no convenio asinado fai uns días pola Deputación de Ourense e os concellos privará a Viana do Bolo dun novo terreo de xogo.
Dende o grupo municipal socialista explican que no último pleno provincial, a través dos deputados do PSdeG-PSOE, trasladóuselle unha pregunta á presidencia en relación a cales eran os motivos polos que finalmente se desbotaba a reforma do campo de fútbol de Viana do Bolo dentro do convenio asinado. O presidente do ente provincial, Luís Menor, informou que tras pórse en contacto co alcalde de Viana, este trasladoulle que “o proxecto pola parte correspondente ao concello, aínda non estaba maduro”, motivo polo que desbotouse a súa inclusión no convenio de reforma.
O voceiro do PSdeG-PSOE en Viana do Bolo, Germán García-Ávila Arias, considera que esta decisión “bota por terra a instalación de céspede artificial no campo de fútbol das Carrelas”. Unha situación que en palabras do concelleiro socialista “só ten un culpable, o alcalde que foi o que provocou que se caese do convenio o campo de fútbol de Viana, que xa foi incluído no 2022 nun convenio previo, que non chegou a bo porto, pero tralas conversas de Montesinos e Menor, finalmente tampouco teremos novo céspede en 2024”.
García-Ávila Arias pon de manifesto que os vianeses e as vianesas “séntense enganados, especialmente os membros da directiva do CD Viana, que mantiveron varias xuntanzas co rexedor, pero este finalmente deulles as costas, despois de prometer que a reforma se levaría a cabo”. Neste senso, o voceiro socialista tamén pon de manifesto que ante esta situación “faise moi difícil que o club poida crear os equipos nos que traballaba en categorías alevín e xuvenil, que se sumarían aos 2 xa existentes, xa que se require dun céspede que aguante os adestramentos e partidos ao longo do ano”. Tamén sinala que o alcalde “rompe as ilusións das crianzas de Viana, que desexan iniciarse na práctica deportiva e que sen unhas instalacións óptimas, terano moi difícil”.
O PSdeG-PSOE Viana agarda que o rexedor non se escude nas achegas económicas, “xa que o único que tiña que facer agora era asinar o convenio coa Deputación, para posteriormente remitirllo a Xunta e firmar en 2024 un convenio tamén co ente autonómico”. Ante esta situación, os e as socialistas teñen claro que “falta de vontade por parte de Montesinos é a culpable de que Viana teña que seguir agardando por un campo de herba sintético”. Unha decisión “unilateral” do alcalde “e que pode privar aos nenos e nenas de desenvolver prácticas deportivas saudables e necesarias para o seu desenvolvemento vital”.
A reforma do campo de fútbol de Viana do Bolo queda agora a expensas dun novo convenio coa Deputación de Ourense en 2024, que tal e como apunta Germán García-Ávila “pode darse ou non”. Unha reforma pola que Viana leva agardando dende 2022, cando foi incluído o campo dentro dunha modificación orzamentaria da Deputación no mes de setembro, pero que finalmente non chegou nunca a materializarse en forma de convenio, ata que en decembro deste ano, se asinou finalmente ese convenio, quedando o campo de fútbol das Carrelas fóra do mesmo, e entrando no seu lugar o campo de fútbol de Arnoia.

