Executiva municipal de Ourense ourense PSdeG

Natalia González pregúntase se Paula Prado visitou Ourense para asinar outro pacto con Jácome

NATALIA GONZÁLEZ PREGÚNTASE SE PAULA PRADO VISITOU OURENSE PARA FIRMAR OUTRO ACORDO CON JÁCOME E ÍNSTAA A QUE SE ACHEGUE AO CHUO PARA OBSERVAR O RESULTADO DOS RECORTES DO PP NO SISTEMA SANITARIO

A secretaria xeral do PSdeG na cidade recórdalle á popular que as peaxes en Galicia son “obra e gracia do seu partido” e que o único que liberou destas taxas á cidadanía foi o bipartito liderado por Touriño

“Os avances para os petos dos galegos e galegas chegaron da man de Pedro Sánchez dende o goberno de España, así como as melloras das infraestruturas ou os abonos para o tren”, engade

Ourense, 3 de xaneiro de 2024. A secretaria xeral do PSdeG-PSOE de Ourense, Natalia González Benéitez, recórdalle a Paula Prado que as peaxes en Galicia son “obra e gracia do Partido Popular” e que o único que liberou destas taxas á cidadanía foi o bipartito liderado por Emilio Pérez Touriño.

“Os grandes avances neste senso para os petos dos galegos e galegas chegaron da man de Pedro Sánchez dende o goberno de España, así como as melloras das infraestruturas ou os abonos para o tren”, engade logo das declaración feitas onte durante a visita que realizou á secretaria xeral do PPdeG á cidade.

Así mesmo, pregúntase a tamén portavoz do grupo municipal socialista no Concello de Ourense, se Prado viría a “firmar outro pacto novo con Gonzalo Pérez Jácome, ante a previsible perda da maioría absoluta do PP de Alfonso Rueda, blindándose polo interés do partido pero hipotecando de novo á terceira cidade de Galicia e ao resto da poboación”.

“De paso que veu ata aquí podería terse achegado ata o Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO) para comprobar a situación crítica na que se atopa a Sanidade pública debido aos últimos 14 anos de recortes e desmantelamento do PP”, advertiu González respecto ao colapso que padece o sistema con listas de agarda cirúrxica superiores á media galega en moitas especialidades, ao derrubamento do teito na unidade de partos e a un persoal sanitario fatigado e sen reforzos.