EMIGRACIÓN Executiva Provincial de Ourense

Informamos das novidades normativas para os retornados de Alemaña coa entrada do ano fiscal 2024

A ÁREA DE MIGRACIÓNS DO PSDEG-PSOE DE OURENSE INFORMA DAS NOVIDADES NORMATIVAS PARA O COLECTIVO DE RETORNADOS DE ALEMAÑA COA ENTRADA DO NOVO ANO FISCAL

A achega mensual para o seguro médico e o seguro de dependencia (Krankenkasse) subirá ata o 14,6%, namentres que se agarda un aumento das pensións alemás nun 3,5%

Luís Gulín sinala que “aqueles que que perciben unha prestación mensual da chamada Krankenkasse, por ter un grao de dependencia, verán desde este mes de xaneiro unha subida substancial”

Ourense, 4 de xaneiro de 2024. O PSdeG-PSOE de Ourense, a través da súa secretaría provincial de migracións, informa de novidades normativas para o colectivo de retornados e retornadas de Alemaña. Co novo ano fiscal 2024 entran en vigor en Alemaña varias normativas que afectan tamén aos emigrantes retornados en Galicia e que perciben só unha pensión de xubilación do país xermano e ningunha prestación en España. “A subida das pensións alemás está prevista para o mes de xuño e estímase que estará roldará un aumento do 3,5 %”, afirman os e as socialistas.

A achega mensual para o seguro médico e o seguro de dependencia (Krankenkasse) subirá ata o 14,6%. “Isto implica que nunha pensión mensual de 1.000 euros, detráense 140,60 € ao mes, quedando a pensión para percibir nos 859,60 euros”, explica o secretario provincial de migracións, Luís Gulín Iglesias, que tamén apunta que “estas achegas son gastos deducibles na declaración da renda española”.

O responsable da área de migracións da executiva provincial do PSdeG-PSOE de Ourense sinala que “aqueles que que perciben unha prestación mensual da chamada Krankenkasse, por ter un grao de dependencia (Pflegegeld), verán desde este mes de xaneiro unha subida substancial”. Neste senso, Gulín aclara que os que perciben 316 euros ao mes, por ter unha dependencia de grao 2, “pasarán a percibir 332 euros mensuais, os de grao 3, subirá de 545 a 572 euros mensuais, os de grao 4 de 728 a 764 euros e os que teñan o grao de dependencia 5, a contía ascende agora a 946 euros mensuais en lugar de 901 euros”.

Cabe lembrar tamén que estas persoas maiores teñen dereito a designar un coidador persoal, que cotizará na seguridade social alemá en calidade de coidador non profesional, sendo esta tarefa compatible con outro traballo remunerado que non supere as 25 horas semanais.

A efectos do pago do chamado imposto do 5 por cento sobre as pensións alemás, establécese pola Facenda alemá o mínimo exento para o ano fiscal 2024 en 11.604 euros (declaración individual) e 23.208 euros (declaración conxunta) anuais. “Lémbrase unha vez máis que todas as persoas que vaian percibir por primeira vez unha pensión de Alemaña durante o ano 2024, ou xa a teñen concedida desde o 2023, están obrigados en darse de alta ante a Facenda alemá (Finanzamt Neubrandenburg)”, subliña Gulín. Aquelas persoas que ignoren este requisito teñen que saber que a prescrición é de 7 anos segundo a lexislación tributaria alemá. Na actualidade a Facenda alemá está a reclamar desde o ano fiscal 2018 aos contribuíntes residentes en Galicia que non abonaron o IRPF sobre as súas pensións alemás.