concellos Denuncias Sanidade

Os e as socialistas de Lobios critican que o centro de saúde segue «colapsado» a pesar das «falsas» promesas de solucións do PP

O PSDEG-PSOE DE LOBIOS DENUNCIA QUE O CENTRO DE SAÚDE SEGUE “COLAPSADO” A PESAR DAS PROMESAS DE XUNTA, SERGAS E CONCELLO DE QUE RESOLVERÍAN A SITUACIÓN NUNHAS SEMANAS

Os e as socialistas esixen medidas “urxentes” ante unha problemática que se arrastra dende o mes de outubro, por mor da marcha de unha das dúas facultativas que prestaba atención sanitaria no centro

“A situación é límite e a veciñanza está cada vez máis farta dos recortes e o desmantelamento masivo que o PP está a levar a cabo na sanidade pública do municipio e a bisbarra”, afirma Patrick Rodríguez

Lobios, 10 de xaneiro de 2024. O PSdeG-PSOE de Lobios denuncia o “total” colapso do centro de saúde ante a falta de facultativos, a pesar das promesas feitas pola Xunta, o Sergas e o Concello no mes de novembro, cando afirmaron que a situación “estaría resolta nunhas semanas”. Os e as socialistas critican que case dous meses despois da foto “electoralista” do delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, do xerente da área sanitaria, Félix Ruibal, e da alcaldesa de Lobios, María del Carmen Yáñez, a situación “non só non mellorou, senón que o colapso e a prestación de atención sanitaria é aínda peor”.

Dende o grupo municipal socialista en Lobios esixen medidas “urxentes” ante unha problemática que se arrastra dende o mes de outubro, por mor da marcha de unha das dúas facultativas que prestaba atención sanitaria no centro médico aos máis de 1800 habitantes de Lobios. “A situación é tan precaria que hai lista de agarda de ata tres semanas para poder recibir unha cita”, denuncian dende o PSOE, apuntando tamén que “coa chegada do frío, aumentan as enfermidades e a necesidade de recibir atención médica, pero en Lobios en lugar de reforzar o centro de saúde, estamos baixo mínimos, impedindo unha correcta atención médica”.

“A situación é límite e a veciñanza está cada vez máis farta dos recortes e o desmantelamento masivo que o PP está a levar a cabo na sanidade pública do municipio e a bisbarra”, afirma o concelleiro do PSdeG-PSOE en Lobios, Patrick Rodríguez. O edil socialista tamén se laia do “nulo peso político” que ten a alcaldesa de Lobios a hora de reclamar uns servizos sanitarios “dignos, de calidade e eficientes para a veciñanza”, xa que tal e como apunta “está máis preocupada de figurar nunha foto para vender fume, que das problemáticas reais da veciñanza”.

Rodríguez tamén sinala que Lobios e a Baixa Limia “están a vivir unha crise sanitaria sen precedentes, con falta de facultativos no centro de saúde, con ausencia de persoas no PAC de Bande ou coa eliminación da farmacia de garda na bisbarra”. O secretario de organización dos e das socialistas no municipio urxe aos representantes políticos do PP “a que dean a cara, cousa que nunca fixeron, ante estes atropelos e cacicadas da Xunta, para reivindicar unha sanidade digna para a veciñanza de Lobios e a bisbarra”. Neste senso tamén apunta a que “ante esta situación é necesario unidade e loitar para reivindicar o que os noso veciños e veciñas reclaman”.

Os e as socialistas tamén pon fincapé que a presencia dunha soa facultativa “non só aumentou a presión asistencial, senón que tamén provoca que cando a médica ten que saír a unha urxencia, xunto coa enfermeira, o centro de saúde queda totalmente baleiro”. Neste senso sinalan que esta situación “xa aconteceu en varias ocasións, quedando o centro de saúde desatendido e sen posibilidade de ofrecer asistencia”.

Por último os e as socialistas queren facer mención “especial” a “profesionalidade” da médica, das enfermeiras e ao persoal administrativo, xa que tal e como apuntan “grazas a elas a situación non é máis alarmante aínda, debido ao seu incansable traballo”. Neste senso apuntan que “sempre intentan facer ocos como sexa para poder ofrecer o mellor servizo, pero está claro que hai unha ausencia total de persoal”.