concellos INICIATIVAS

Os e as socialistas de Viana apostan por mellorar a organización da festa da Androlla

O PSDEG-PSOE DE VIANA DO BOLO INSTA AO GOBERNO MUNICIPAL A REALIZAR CERTAS MODIFICACIÓNS NA ORGANIZACIÓN DA FESTA DA ANDROLLA, CO OBXECTIVO DE MELLORAR O DESENVOLVEMENTO DA MESMA E REDUCIR CUSTES ÁS ARCAS MUNICIPAIS

Os e as socialistas avogan porque se negocie coa empresa ou empresas que concursen para obter o servizo do catering o prezo que se vai a aplicar no coste do menú por comensal e que deste xeito, unha vez se coñeza o prezo real do menú, repercuta de igual maneira no prezo da entrada que pagará cada asistente

Germán García-Ávila afirma que “apostando por unha mellor organización e unha regulación no prezo, todos e todas sairemos gañando” e considera “necesario” actuar sobre o prezo das entradas para que “se reduza a carga que lle supón a festa ás arcas municipais”

Viana do Bolo, 15 de xaneiro de 2024. O PSdeG-PSOE de Viana do Bolo insta ao goberno municipal do Partido Popular a realizar certas modificacións na organización do xantar da festa da Androlla, co obxectivo de mellorar o desenvolvemento da mesma e aliviar os custes que esta lle supón as arcas municipais. Os e as socialistas avogan porque se negocie coa empresa ou empresas que concursen para obter o servizo do catering o prezo que se vai a aplicar no coste do menú por comensal e que deste xeito, unha vez se coñeza o prezo real do menú, repercuta de igual maneira no prezo da entrada que pagará cada asistente.

O grupo municipal socialista presentou unha moción para o seu debate na sesión plenaria do xoves na que tamén lle solicita ao concello que aplique o mesmo prezo a entrada de cada asistente, para que deste xeito o consistorio “non teña que subvencionar parte da entrada, xa que entendemos que cada persoa debe sufragar o coste total do seu xantar”. Os e as socialistas consideran que o menú da festa da Androlla “non admite comparación algunha no relativo a calidade, variedade e cantidade, polo que calquera que veña a desfrutalo darase conta que o prezo da entrada está máis que xustificado”.

O voceiro do PSdeG-PSOE en Viana do Bolo, Germán García-Ávila Arias, sinala que ano tras ano, a organización da festa “supón un custe moi elevado para as arcas municipais, sendo a do ano pasado, dun importe de 80.000 euros”. A esta situación, súmase tamén o convite por parte do concello a todos aqueles grupos que participan no desfile, e que suman arredor de 1.000 persoas, situación que en palabras do edil socialista “aumenta os costes ás arcas municipais, polo que consideramos necesario que se actúe sobre o prezo das entradas, para que se reduza a carga que lle supón a organización da festa aos fondos públicos do municipio”.

García-Ávila Arias considera que “estamos ante unha das festas máis importantes da provincia, polo número de comensais que acoden, atraídos tanto polos desfiles dos boteiros, folións, comparsas e carrozas, como pola calidade e variedade do menú, onde a raíña é a nosa afamada androlla”. Con estes antecedentes, o voceiro do PSOE vianés afirma que “apostando por unha mellor organización e unha regulación no prezo das entradas, todos e todas sairemos gañando”.

O PSdeG-PSOE de Viana do Bolo tamén propón que se exerza un control sobre as invitacións que realiza o concello, de tal maneira que “só se faciliten entradas gratuítas ás autoridades convidadas, así como aos pedáneos das aldeas, que exercen unha función importante de maneira altruísta, e deste xeito podemos recoñecerlle o seu traballo”. Neste senso, os e as socialistas avogan porque non se faciliten invitacións aos integrantes da corporación municipal, tanto ao alcalde, como concelleiros e empregados municipais para que “abonen o prezo da entrada como calquera outro cidadán”.

“Estamos a empregar os cartos dos nosos veciños e das nosas veciñas para organizar unha das festas máis importantes do concello, polo que temos a obriga de facelo da maneira máis razoable e equitativa, facendo que o custe da festa sexa o menor posible para as arcas municipais”, apunta Germán García-Ávila. O voceiro socialista conclúe destacando que “moita da veciñanza non pode acudir a este xantar por non contar con medios económicos ao seu dispor, polo que o mínimo é que perciban que organizamos a festa con sentidiño e tratando de repartir as cargas da maneira máis xusta posible”.